Tarefas para 2012

Share Button

Así como vimos de facer balance do ano que rematou, cremos tamén oportuno expor algúns comentarios sobre o que nos depara o ano 2012 no ámbito político. A axenda de traballo da Agrupación Socialista de Cariño xirará en torno a tres áreas principais.

A primeira é contribuir e ser parte do proceso de renovación orgánica e ideolóxica no que está inmerso actualmente o proxecto socialista. Como xa sabes, o partido atópase actualmente ás portas do seu 38 Congreso Federal (Sevilla, 3-5 de febreiro de 2012), do cal sairá elexid@ @ vindeir@ Secretari@ Xeral. Están xa confirmadas as candidaturas de Alfredo Pérez Rubalcaba e Carme Chacón, non sendo descartable –aínda que o vemos pouco probable- que aparezan nos vindeiros días máis alternativas. Actualmente atópase en curso o proceso para elexir @s delegad@s que asistirán ó Congreso; o primeiro paso son as asambleas locais (en Cariño celebrarémola esta fin de semana), onde saen elexid@s @s delegad@s para o cónclave provincial que terá lugar o 21 de xaneiro, do cal sairá –á súa vez- a lista de delegad@s da provincia que asisten ó Congreso Federal de Sevilla.

Cinco semanas despois do 38 Congreso Federal terá lugar o 12 Congreso do PSdeG, en Santiago de Compostela, e despois será o turno dos congresos locais e provinciais. En definitiva, neste ano 2012 o noso partido renovará os órganos de dirección en tódalas escalas, é dicir, nacional, autonómica, provincial e local. O debate orgánico debería ir aparellado dun intenso debate ideolóxico e teórico que, evidentemente, debe ter un ritmo máis pausado. Por esta razón, cremos que un dos retos principais do partido é crear dinámicas de traballo que permitan que o necesario debate ideolóxico continúe máis alá dos procesos orgánicos en marcha.

Á marxe das cuestións orgánicas, a segunda gran área de traballo será a política municipal. Como forza de oposición, correspóndenos fiscalizar o traballo do actual goberno do BNG, aportando o necesario punto de vista crítico, visibilizando as nosas propostas, defendendo que existen formas alternativas de facer as cousas e, por suposto, apoiando e pactando aquelas cuestións nas que coincidamos. Este labor é tanto máis necesario se temos en conta que a teórica “oposición natural”, representada polo PP cariñés, atópase totalmente desaparecida, cando non nunha actitude abertamente complacente co goberno municipal. A democracia real susténtase na crítica constructiva, na división de opinións, e non dubides que aí faremos o papel que nos corresponde, en beneficio da cidadanía cariñesa.

O terceiro campo principal de actuación, en clara conexión cos dous anteriores, será manter e incluso reforzar a nosa presenza en internet. Esta páxina web e o noso perfil en Facebook son actualmente as nosas principais vías de contacto coa cidadanía, polo que temos a firme intención de seguir traballando nelas. As estatísticas de visitas que vimos de comentar hai uns días amosan que este traballo é apreciado e suscita interese.

O 2012 vai ser, pois, outro ano politicamente intenso. Non é en absoluto descartable que a todo o sinalado teñamos que engadir a celebración das eleccións autonómicas. E haberá que estar atent@s ás decisións do goberno de Rajoy, que nos seus primeiros pasos está a demostrar o seu carácter profundamente hipócrita (donde dije digo, digo Diego) e antisocial.

                      

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.