Tralo 12º Congreso do PSdeG: algunhas reflexións

Share Button

O PSdeG celebrou esta fin de semana o seu 12º Congreso Nacional. Foron dous días intensos, tensos por momentos e fructíferos no debate. Pachi Vázquez resultou reelexido Secretario Xeral, obtendo 245 votos fronte ós 212 de Elena Espinosa, a candidata alternativa (ambos na foto da esquerda, tomada polo compañeiro ceense Víctor Hugo). A nova Executiva incorpora a figura do Presidente, posto que pasa a ocupar o Alcalde de Lugo José Clemente López Orozco. Mantense na Secretaría de Organización Pablo García. A principal novidade é a creación de catro grandes áreas de coordinación, que ocupan Francisco Caamaño, Margarita Pérez Herraiz, Carmen Gallego e Laura Seara. A comarca de Ferrolterra, Eume e Ortegal está representada na Executiva por Rafael Fernández Beceiro, Secretario de Organización da Agrupación Socialista de Ferrol, e por Begoña Balsa Alonso, Concelleira en Neda, ambos en calidade de vocais.

Un Congreso esixe posicionarse e tomar decisións. Na Agrupación Socialista de Cariño adoitamos explicar e facer públicas as nosas, porque as persoas que nos seguen, que nos apoian, que nos avalían, teñen dereito a coñecelas. O noso delegado votou a candidatura de Elena Espinosa. A razón que máis pesou para facelo é que na nosa Agrupación defendemos e practicamos a unidade de acción comarcal, e valoramos moi especialmente o traballo conxunto que vimos desenvolvendo con outras agrupacións da comarca dende hai anos. Unha vez que consensuamos manter, tamén nesta ocasión, a unidade comarcal, a decisión adoptada foi a de apoiar a Elena Espinosa.

Cremos que o Congreso merece varias lecturas relevantes. O axustado resultado e os argumentos postos sobre a tribuna amosan que no PSdeG existen percepcións distantes sobre o xeito de encarar o traballo político e unha maior coincidencia nos contidos do proxecto que o partido debe presentarlle á sociedade galega. Celebrado o Congreso, agora toca tender pontes e sentar as bases para un traballo conxunto entre as dúas grandes sensibilidades que están na orixe das dúas candidaturas. A integración acadada nas listas ó Comité Nacional e ó Comité Federal pode ser un bo punto de partida.

En segundo lugar, o partido acada con este Congreso o ecuador dos procesos orgánicos en marcha. Tralo Congreso Federal en Sevilla e o desta fin de semana en Santiago, proximamente celebraranse os congresos provinciais e locais. Todo o partido, dende o Secretario Xeral ata @ militante da Agrupación máis pequena, temos a obriga de convertir esas citas en instrumentos para o cambio, a renovación e a recuperación da base social do proxecto socialista.

Un terceiro aspecto fundamental é que esta fin de semana eleximos un Secretario Xeral, non un candidato á Xunta. Pachi Vázquez comprometeuse durante o Congreso a celebrar unhas eleccións primarias, proposta que suscitou unha das ovacións máis sonoras. Chegado o momento, tanto Pachi Vázquez como Elena Espinosa poderían lanzar a súa opción. Pero tamén outros nomes como o Presidente da Deputación lucense José Ramón Gómez Besteiro, o ex-ministro José Blanco ou o tamén ex-ministro Francisco Caamaño, fortemente ovacionado cando subíu ó escenario para tomar asento na nova Executiva. ¿Hai algún outro partido en Galicia que teña un potencial semellante de candidat@s competitivos e solventes?

Por último, o Congreso desta fin de semana amosa que o PSdeG-PSOE é un partido enorme. Un partido cunha sólida masa crítica, cunha forte implantación territorial ó longo de toda a xeografía galega, con varios milleiros de militantes que traballan a diario nos seus Concellos, nas súas Agrupacións, no tecido veciñal e asociativo. Asistir a un Congreso como o desta fin de semana asenta a convicción de que este partido é a mellor ferramenta para combatir as inxustizas e para transformar o país.

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.