Últimas novidades no debate sobre a VAC

Share Button

O debate sobre a VAC, motivado pola decisión do PP de retrasar o remate da infraestructura ata o 2017, segue protagonizando o debate político na comarca.

Onte pola tarde, varios alcaldes e cargos públicos de Ortegal, Ferrolterra e Mariña lucense (coa excepción dos do PP) reuníronse en Cedeira. Entre as decisións adoptadas, ademais de promover a recollida de sinaturas entre a cidadanía, cobrou forza a idea de celebrar unha reunión a mediados de xaneiro convidando a sindicatos, empresarios e outros axentes sociais das comarcas afectadas polo retraso da obra. Esta reunión terá lugar en Viveiro, aínda que tamén contémplase Cariño como opción alternativa.

O noso Alcalde e Secretario Xeral, José Luis Armada, exerceu de voceiro durante boa parte da reunión e criticou o argumento que está difundindo o PP para xustificar o retraso da obra. Segundo recolle hoxe Diario de Ferrol, Armada explicou que “resulta perverso agarrarse a eses documentos para defender o retraso desta vía, é unha tomadura de pelo á cidadanía”. Apuntou tamén que a paralización temporal dos tramos ós que fai referencia o PP é bastante habitual neste tipo de intervencións. Trátase dun proceso sinxelo no que “a Xunta adxudica a unha empresa a redacción do proxecto e no momento que alguén presenta algunha reclamación este estudio suspéndese temporalmente para que a compañía adxudicataria non incurra nun incumprimento do contrato e así evitar unha penalización”. O noso Alcalde destacou asimesmo que a parte máis laboriosa do proceso -aprobación do trazado, adxudicación das obras e documento de impacto ambiental- deixouna lista o bipartito.

Os rexidores do PP reuníranse horas antes en Moeche para explicar a súa ausencia na reunión de Cedeira. De paso, aproveitaron para tentar xustificar o inxustificable, adoptando unha actitude idéntica á que mantiveron cando a Xunta decidíu desviar a Transcantábrica por Vilalba. Dende entón, no PP de Ferrolterra, Eume e Ortegal cambiaron algúns nomes, pero non avanzamos nada. As actitudes son as mesmas.

Avecíñanse novas movilizacións. A VAC seguirá dando que falar mentres a Xunta do PP non rectifique.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.