Unha campaña decisiva, un cambio necesario e urxente

Share Button

Estamos xa na campaña electoral dunhas eleccións históricas, que van a marcar, para ben ou para mal, o futuro do noso país. A totalidade das enquisas apuntan a un resultado moi axustado, polo que estes días de campaña serán decisivos para decantar a correlación de forzas.

A maioría social deste país está pasando uns anos durísimos: desmantelamento dos servizos públicos, desemprego, emigración xuvenil, corrupción, retroceso dos dereitos e liberdades, tensións territoriais… O triunfalismo que pretende exhibir o Partido Popular só existe na cabeza duns dirixentes que viven alleos ó sentir da cidadanía. A xente non precisa estatísticas nin fantasías mediáticas: chégalle a súa experiencia cotiá para saber que a pretendida recuperación económica é unha cortiña de fume.

O novo goberno terá a difícil misión de artellar no menor tempo posible unha alternativa a toda esta desfeita. España precisa un novo modelo económico e unha política de creación de emprego, unha aposta decidida polo fortalecemento dos servizos públicos, novas maneiras de facer política que fortalezan a participación desterrando a corrupción e o clientelismo, un novo marco de entendemento entre os territorios do Estado… O noso partido –aínda cos erros que puido ter cometido- segue sendo o mellor preparado para afrontar os difíciles retos que temos por diante.

Nas pasadas eleccións municipais a maioría da comarca do Ortegal apostou por abrir unha nova etapa nos seus concellos. Dende entón Cariño, Cedeira, Cerdido e Ortigueira desfrutan de gobernos socialistas que están facendo un esforzo conxunto e coordinado por construír alternativas de futuro para as súas xentes, nunha comarca asiduamente castigada polos gobernos da dereita. O goberno socialista da Deputación supón unha oportunidade para cambiar as cousas, pero non debemos perder a oportunidade de ter tamén en Madrid un goberno máis receptivo ás nosas demandas. Nestas eleccións contamos con Ángel Mato como candidato ó Senado, un ferrolán vencellado a Cariño, con quen mantemos unha fluída relación e que sen dúbida pode ser un puntal básico para trasladar a Madrid as nosas opinións e necesidades. Pero para elo temos que apoialo e contribuír cos nosos votos a facilitar a súa elección como senador. O carácter costeiro e portuario do noso Concello, entre outras razóns, fai que precisemos esta interlocución áxil cos ministerios e organismos do Estado.

Por todo o exposto, e como non podía ser doutro xeito, a Agrupación Socialista de Cariño vaise a implicar nesta campaña. Xa temos colocada unha pancarta e nos vindeiros días colocaremos máis carteis electorais, aínda que como é habitual tentando non degradar o espazo urbano e retirando a publicidade despois das eleccións. Tamén agardamos celebrar algún acto público en Cariño, que anunciaremos coa debida antelación.

Este martes 8 de decembro, ás 12 da mañá, terá lugar o mítin central na cidade de A Coruña coa presenza do noso Secretario Xeral e candidato á Presidencia do Goberno Pedro Sánchez. O noso partido habilitará un autobús comarcal para todas aquelas personas que desexen asistir, cuxa saída de Cariño está prevista para as 9 da mañá aproximadamente. Se queres sumarte, envíanos un email a psoecarino@yahoo.es ou unha mensaxe privada á nosa páxina de Facebook antes das 19 horas deste luns 7 de decembro.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.