Unha coartada para catro anos desastrosos

Share Button

altA pesar de que as evidencias e documentos oficiais desminten rotundamente os seus argumentos, a Alcaldesa de Cariño voltou a protagonizar hai uns días, a raíz da sesión plenaria celebrada o pasado venres 5 de decembro, un novo episodio da súa particular cruzada de falsedades e interpretacións sesgadas respecto á situación económica municipal. Unha actitude que, dende o inicio da lexislatura, unicamente pretende atopar excusas para unha xestión nefasta e dificilmente empeorable. O obxectivo deste texto, como xa temos feito en ocasións anteriores, é desmontar uns argumentos que hai xa tempo que se demostraron totalmente falsos.

O 11 de xuño de 2011 tomaba posesión do cargo a actual Alcaldesa. No trancurso deste procedemento de cambio de poderes é obrigado asinar unha Acta de Arqueo onde o Alcalde saínte, a intervención municipal e a tesoureira certifican o diñeiro líquido dispoñible nas entidades bancarias e, de ser o caso, na Caixa do Concello. Como neste Concello non existe caixa de caudais onde se deposite diñeiro en metálico porque todo se move polas entidades bancarias, o saldo que se recolle na Acta de Arqueo antes mentada é a totalidade do diñeiro líquido co que conta o Concello nese momento.

Esa Acta de Arqueo, xunto a outros arqueos de datas posteriores, pode verse na sección Descargas desta web. Como pode comprobarse, o saldo existente nas entidades bancarias a 10 de xuño de 2011 era de 499.907,44 € (uns 83 millóns das antigas pesetas). Polo tanto, esa foi a liquidez coa que iniciou a Alcaldesa o seu mandato. Cómpre engadir, ademais, que boa parte dos impostos correspondentes a esa anualidade estaban pendentes de recadar. Sen embargo, a Alcaldesa empeñouse dende o primeiro momento en transmitir a idea de que a situación económica do Concello era moi mala, algo que os documentos oficiais comezaron a desmentir pouco tempo despois.

Un dos argumentos que a Alcaldesa emprega constantemente para xustificar as súas afirmacións é que existían facturas sen pagar. Que existan facturas sen pagar non significa necesariamente que a situación económica do Concello sexa mala. Pode deberse, por exemplo, a un retraso na xestión dos pagos debido á sobrecarga de traballo ou ó cambio de interventor municipal. O importante é que os gastos que reflexan esas facturas estén contemplados no presuposto de cada anualidade.

Por esta razón, é un indicador moito máis fiable o peche do exercicio presupostario, onde se recolle a diferencia entre gastos e ingresos desa anualidade. O peche do exercicio presupostario dese ano 2011 realizouse a mediados do ano seguinte. O informe de intervención, que é preceptivo nestes casos e recolle absolutamente tódolos movementos contables, ten data de 23 de xullo de 2012. Este informe reflexa que o remanente de tesourería do ano 2011 é negativo en -77.628 €, unha cifra nada preocupante se temos en conta que o presuposto anual do Concello de Cariño ronda os tres millóns de euros.

Para que non quede dúbida sobre o significado de dito concepto, reproducimos textualmente a súa definición tal como figura no Informe de Intervención: “Esta es la magnitud de mayor importancia en la liquidación de un ejercicio presupuestario, pues pone de manifiesto el estado de liquidez a corto plazo de la entidad, algo similar a lo que en contabilidad financiera se conoce como fondo de maniobra. Representa los fondos líquidos de los que podría disponer el Ayuntamiento a 31 de diciembre, si se cobrasen todos los derechos pendientes de cobro y se pagasen todas las obligaciones pendientes de pago”.

Por outro lado, este documento demostra tamén o precipitado e tendencioso que resultan as afirmacións que a Alcaldesa comezou a trasladar á opinión pública dende a súa toma de posesión, pois se o resultado presupostario se coñece a mediados do ano seguinte, en 2012, de ónde saca os datos contables para afirmar dende o primeiro momento a mala situación económica do Concello? O mentado Informe de Intervención, nas súas páxinas 13, 14 e 15, reflexa o saldo negativo antes mentado, os préstamos pendentes de amortizar do goberno anterior e outra información de interese para coñecer a situación contable do Concello a 31 de decembro de 2011. A título comparativo, cabe sinalar que cando nós voltamos ó Concello en 2003 o PP deixaba un remanente negativo de -776.177,25 €. Tardamos seis anos en conquerir o equilibrio presupostario, acadando en 2009 un remanente negativo de só -30.000 €.

Dende o ano 2009 ata o 2011, no que accedeu ó cargo a actual Alcaldesa, a situación económica do Concello estivo equilibrada. Gastábase máis ou menos o que se recadaba cada ano. Cabe destacar que este equilibrio do que falamos foi acompañado sempre dunha xestión dos servizos municipais moitísimo mellor que a actual e dunha xestión, adquisición e dotación de infraestruturas considerable, na maioría dos casos conquerindo financiamento de administracións supramunicipais. Podemos referirnos á piscina, centro de día e residencia de maiores, centro social en Feás, ampliación e urbanización da estrada xeral nesa mesma parroquia, centro social de maiores en Cariño, novo camión do lixo, máquina barredora, novo camión contra incendios con equipo para desatascar alcantarillas ou un novo tractor desbrozador. Os citados son, entre outros moitos que poderíamos citar, bos exemplos de que se pode xestionar un orzamento municipal con eficacia sen necesidade de gastar anualmente máis do que se ingresa.

Outra mostra de que as valoracións da Alcaldesa sobre a situación económica do Concello non se sosteñen é o feito de que nos anos seguintes as contas municipais reflexan un remanente positivo e unha liquidez en constante aumento. É evidente que isto non sería posible se a situación herdada fose tan desastrosa como ela dí. No ano 2012 o exercicio presupostario péchase cun superávit de 282.811 € e a Alcaldesa segue dicindo que a situación económica do Concello é delicada. Unha vez máis os documentos contables oficiais xóganlle unha mala pasada, pero esa suposta mala situación económica segue sendo a coartada para recurtes inxustificados, para unha desastrosa prestación de servizos e para un incremento indiscriminado de taxas e impostos. Outra táctica que emprega a Alcaldesa para reforzar o seu discurso é falar sempre dos gastos, pero nunca dos ingresos que entran do Concello.

Por se non fose suficiente, o decreto de liquidación do presuposto de 2013 arroxa como remanente positivo de tesourería (superávit) a frioleira de 714.179 €. Este decreto de liquidación do presuposto de 2013 está, como non pode ser doutra forma, asinado pola Alcaldesa, que está obrigada a rendir por lei esta información, porque do contrario estamos convencidos que non a teríamos. Novamente, as cifras volven a deixala en evidencia.

Xunto ós resultados presupostarios, os sucesivos arqueos amosan un incremento constante e totalmente irracional da liquidez dispoñible nas contas bancarias. Sen ánimo de ser exhaustivos, a liquidación do orzamento de 2011 reflexa unha liquidez de 562.689,95 €; a 22 de marzo de 2012 este Concello tiña nos bancos 594.359,47 €; a 12 de xullo de 2013 tiña 875.643,16 €; a 11 de decembro de 2013 tiña 917.609,47 €; e a xullo de 2014 tiña 904.022,01 . O arqueo correspondente a estas datas de decembro non o coñecemos porque a Alcaldesa negouse a facilitárnolo antes do Pleno deste pasado venres, unha decisión sen precedentes na historia democrática deste Concello tendo ademais en conta os puntos que ese día se trataban.

Outro aspecto que merece comentario é a solicitude duns créditos no ano 2012 que, na nosa opinión, nunca deberon terse solicitado, ou polo menos non nesas cantidades. En 2012 o Goberno Central habilitou unhas liñas de créditos para concellos con problemas de liquidez e que non podían pagar ós proveedores coa celeridade precisa, nunha época de crise económica. Estes créditos debían destinarse só a pagar a proveedores, nunca obras ou servizos. Os créditos concedíanse cun interese variable en función duns párametros que non imos explicar para non extender o texto, pero andaban preto do 6%.

O Concello de Cariño acolleuse a estas liñas de crédito a pesar de que o noso grupo en reiteradas ocasións deulle ó goberno municipal argumentos sólidos para que non o fixeran. O principal argumento do noso grupo foi, precisamente, que estes créditos estaban pensados para concellos con problemas de liquidez e Cariño non estaba nesa situación como amosan os saldos bancarios que vimos de citar. O grupo de goberno, como vén sendo habitual, obviou as nosas recomendacións e solicitou dous préstamos innecesarios.

No listado que enviaron ó Ministerio incluíron facturas que xa estaban contabilizadas nos respectivos presupostos de 2011 e 2012, e para as que había liquidez porque correspondían a gasto xa contemplado nestas anualidades presupostarias. Dito doutro xeito, se o presuposto do 2011 foi de tres millóns e medio de euros, nesa cifra van incluídos tódolos gastos e ingresos desa anualidade (facturas, nóminas, etc.).

Estas actuacións irresponsables da Alcaldesa e do seu grupo, coa complicidade do PP cariñés -ás veces co seu voto favorable e outras veces coa abstención, pero sempre asegurándose de que a aritmética permite ó BNG levar a cabo os seus plans-,  estanlle saíndo caras as arcas do Concello, porque estamos pagando uns intereses duns préstamos que non necesitabamos, alomenos na cuantía que se solicitaron. A parte máis absurda do tema, pero non menos preocupante, é que mentres polos créditos pedidos -que non facían falta- estivemos pagando preto do 6% de interés, polo diñeiro que temos nos bancos non nos pagan nada ou case nada.

Chegados a este extremo cabe preguntarse, cantas cousas se podían facer con estes 714.179 euros só da anualidade 2013? Por non manter correctamente o alcantarillado este verán tivemos rebosando ó río Maguleiro as augas fecais, que en vez de ir para a depuradora acabaron no mar. Por primeira vez na historia deste Concello a praia da Concha estivo pechada ó baño nos meses de verán. A lista de servizos básicos que non funcionan neste Concello é infinita. Das infraestruturas mellor non falar, porque está claro que estes catro anos podemos consideralos perdidos. Igualmente podemos referirnos ó nulo apoio deste Concello á dinamización económica, ó comercio e hostalería locais ou á creación de emprego, en tempos de grandes dificultades para moitas familias. Dalles igual que o exercicio presupostario de 2012 se peche cun superávit de 282.811 €, ou que no ano seguinte pase de doblarse este remanente positivo acadando a escandalosa cifra antes sinalada de 714.179 €. A desculpa é sempre a mesma.

Cal é o obxectivo desta acumulación irracional? Cómo se pode ter semellantes cantidades de diñeiro nos bancos –procedentes das taxas e impostos que paga a cidadanía- e non garantir a salubridade mínima na nosa praia? Ou dicir que non hai 4.000 euros para evitar o peche da única escola infantil que tiñamos no noso Concello? Ou negarlle ós máis pequenos é o comercio local o mísero consumo dunha árbore e dunhas luces de nadal? Ou ter problemas constantes no alumado público ou no estado e limpeza das rúas?

A resposta é hoxe a mesma que nos primeiros días deste goberno municipal: alúdese a unha suposta situación económica crítica –que os documentos oficiais negan- porque quere empregarse de coartada para unha xestión desastrosa. En lugar de asumir o reto de mellorar as cousas, de ofrecer uns bos servizos, prefiren optar pola vía fácil de entregarlle o diñeiro ós bancos. Por esta mesma razón o actual goberno municipal é tamén o que menos investimentos obtivo de administracións supramunicipais: é máis fácil queixarse na prensa de que o Presidente da Deputación non te recibe. E tamén pola mesma razón este goberno municipal ten fallos e carencias clamorosas en cuestións que non requiren de diñeiro, senón de vontade, de planificación ou de eficacia da xestión. Pero este goberno municipal, dende o primeiro día, nin pode nin quere. E para disimulalo inventaron unha coartada. Esta é a triste realidade.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.