Unha nota sobre Os Bañóns de Soutullo

Share Button

Rematada a voráxine electoral e coa nova lexislatura dando os seus primeiros pasos, queremos ir retomando algúns dos temas habituais na nosa web. Como xa sabes, interésanos especialmente o coñecemento da realidade local en tódalas súas facetas (medioambiental, histórica, etnográfica…), así como a difusión deste coñecemento a través de internet. É un pracer comprobar, ademais, que moita xente comparte estes intereses e mesmo desenvolve meritorias iniciativas dende Facebook e outros medios dixitais. Dende o comezo da campaña electoral, estes temas quedaron un pouco á marxe, debido á necesidade de centrarnos nas prioridades do momento. Agora queremos retomar o pulso e temos en marcha varias entradas que iremos subindo á web.

Os Bañóns de Soutullo forman parte desa memoria colectiva cariñesa que se está a perder. Se ben é verdade que todo o mundo de certa idade escoitou falar deles, resulta máis dubidoso que as xeracións máis novas coñezan a súa existencia. Sendo conscentes deste feito, e do interese que posúe esta mostra da arqueoloxía industrial cariñesa, durante a nosa etapa no goberno municipal, con motivo da recuperación da senda peonil a San Xiao do Trebo, decidimos adicarlles o panel explicativo que podes ver na foto, situado nun punto do camiño dende onde resultan visibles.

Recentemente, en dúas entradas, referímonos aquí ó último libro publicado polo investigador Dionisio Pereira, que leva por título Loita de clases e represión franquista no mar (1864-1939) (Xerais, Vigo, 2010). Esta extensa obra está inzada de referencias a Cariño (páxinas 36-37, 108, 171, 254, 256, 259, 268, 307-308, 321, 400-406, 432, 438, 442-443). Paga a pena reproducir aquí as liñas que o autor adica ós Bañóns de Soutullo: “Ás veces, estas faenas terrestres tiñan un plus de perigosidade, como acontecía en Cariño á hora de facer a augada que precisaban os pequenos vapores da sardiña: como as fontes da vila non deitaban suficiente caudal como para abastecer a frota composta (1931) por 33 tarrafas, non houbo outra alternativa que canalizar alá polos anos vinte do século pasado o último treito do regueiro do Soutullo, situado nunha zona de difícil acceso tanto por terra coma por mar a medio camiño entre Cariño e Os Aguillóns do Ortegal, e alí construír uns grandes bañeiróns (en Cariño chamáronlles Os Bañóns) nos que se almacenaba a auga. A manobra era, daquela, ben arriscada: o barco achegábase ás pedras para chimpar en terra un mariñeiro; este portaba un cabo para amarrar o barco na rocha e unha mangueira que mergullaba no bañón para aspirar a auga até encher os dous depósitos do vaporciño, o que lle daría unha autonomía de tres días de pesca. Nunca houbo, que se saiba, un accidente grave, mais era precisa unha certa axilidade e un bo estado do mar para levar a cabo con éxito aquela manobra”.

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.