Unha reportaxe sobre anexións e segregacións municipais

Share Button

Hoxe o suplemento Extra Voz, que se distribúe nas páxinas interiores de La Voz de Galicia, e a edición dixital do mentado xornal publican unha reportaxe sobre anexións e segregacións municipais, que leva por título De las anexiones de ayuntamientos… a las controvertidas segregaciones.

O caso cariñés aparece mentado na reportaxe, como non podía ser doutro xeito. En concreto, no párrafo final da mesma, dise o seguinte: “Y antes de Burela, otra asociación vecinal, San Bartolomé, promovió la segregación de cinco parroquias de Ortigueira para formar, el 21 de enero de 1988, el Concello de Cariño. Su primer alcalde, José Luis Armada, citaba las 22 fábricas, la flota pesquera y el núcleo más poblado para separarse de un centro administrativo que estaba a 20 kilómetros”.

En liñas xerais, cremos que o tratamento que se fai do caso cariñés é manifestamente mellorable. A de Cariño foi a primeira segregación que se produxo en Galicia na actual etapa democrática, despois dun proceso iniciado seis anos antes, en 1982, pola Asociación de Veciños San Bartolo, presidida en todo ese tempo polo noso compañeiro -e Alcalde durante catro lexislaturas- José Luis Armada, quen liderou asimesmo o movemento segregacionista. Os desexos de independencia municipal tiñan longas raigames e deles son testemuño publicacións como o xornal El Pueblo de Cariño (1919) ou a revista Nordeste, que xurdíu nos anos de transición á actual etapa democrática.

Pola súa singularidade, polas súas raigames históricas e polo seu carácter pioneiro, Cariño ben merecía un tratamento máis extenso e coidado na reportaxe. Ó mesmo tempo, temos que dicir que o noso caso non participa do ton xeral que preside dita reportaxe, onde se enfatiza o carácter controvertido das segregacións e os conflictos que persisten entre algúns dos concellos segregados. A partir de xaneiro de 1988, Cariño e Ortigueira levaron a cabo unha segregación modélica, cuxo resultado exitoso débese, nunha medida fundamental, ó excelente traballo realizado polo primeiro Alcalde e Grupo Municipal Socialista cariñeses (1988-1991). Dende entón, ambos concellos manteñen unha relación fluida e desenvolven traxectorias independentes nun ambiente de total normalidade.

Podes ler aquí a versión dixital da reportaxe:

http://www.lavozdegalicia.es/santiago/2011/08/14/0003_201108SX14P6991.htm 

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.