V Xornadas O Rural, Fonte de Emprego

Share Button

O sábado 27 de febreiro o Museo Ortegalia, de Ortigueira, acollerá unha nova edición, a quinta, das xornadas O Rural, Fonte de Emprego, cuxo título extendido é Xornadas de aproveitamento dos recursos naturais como fonte de emprego. Organizadas con periodicidade anual pola Fundación Ortegalia, trátase habitualmente dun evento interesante e por iso queremos –como xa fixemos noutras ocasións- chamar aquí a atención sobre o mesmo.

A cita deste ano abrirase ás 9:45 da mañá cunha presentación a cargo de Juan Vicente Penabad Muras, Alcalde de Ortigueira. Ás 10 da mañá comezará a intervención de Francisco J. Fernández Carreja, Axente de emprego e desenvolvemento local do Concello de Ortigueira, que falará sobre A comarca do Ortegal como oportunidade de emprego. De seguido, ás 10:40 horas, será o turno de Manuel Míguez Villaverde, Administrador técnico de Bolbel Forestal S.L., cunha intervención titulada Experiencias na produción en viveiro, plantación e silvicultura de frondosas.

Tras unha pausa de 20 minutos, ás 11:40 retomaranse as xornadas coa presentación de M. Enrique Fandiño Cerqueira, Enxeñeiro técnico forestal de Hifas da Terra S.L., titulada Hifas da Terra, novo modelo de empresa de I+D+i e micoloxía aplicada ao medio rural. A última intervención da xornada correrá a cargo de Antón Vázquez Corral, Director técnico de PURAGA, e levará por título Rendabilidade do cabalo de pura raza galega nas explotacións gandeiras actuais. O programa concluirá cunha visita á Granxa Caxigueira, entre as 13 e as 14:30 horas.

As persoas que desexen asistir deben inscribirse no Museo Ortegalia, enviando un correo electrónico a fundacion@ortegalia.es ou museo@ortegalia.es, ou tamén chamando ó teléfono 981402413.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.