Vistas do Mazanteo e da Caleira na publicidade da Xunta

Share Button

Que as terras que forman o Concello de Cariño posúen una beleza paisaxística espectacular non ofrece discusión. Que estes valores recoñécense moito máis alá das nosas fronteiras é tamén unha realidade.

Unha das últimas campañas publicitarias da Xunta de Galicia emprega unha vista do noso Concello para concienciar sobre a necesidade de coidar o medio ambiente. Trátase dunha publicidade a páxina completa co lema Coida ata o último recanto desta terra. Debaixo, un texto cun tamaño de letra inferior dí "Un lugar que medra sen deixar de respectarse a si mesmo, onde os servizos, infraestruturas e comunicacións levan iguais oportunidades a todos os recunchos do campo e da cidade. Un dos lugares máis fermosos que poidas imaxinar. Esa terra é Galicia". Na imaxe, a faciana dun rapaz en primeiro plano. Detrais del, unha panorámica do Concello de Cariño, concretamente do Mazanteo e da Caleira. Na esquina inferior dereita, o logo institucional da Xunta.

O anuncio publicitario apareceu, por exemplo, o pasado domingo en La Voz de Galicia, a páxina completa (en concreto, na páxina 33). Quizais a crítica que poderiamos facerlle é que non figure nunha marxe da publicidade o lugar ó que corresponde a fotografía, como sucede noutras ocasións. En calquera caso, cremos que toda a cidadanía cariñesa ten que estar safisteita de que nos escollan para esta campaña.

Non queremos deixar de subliñar aquí o traballo que fai o Concello de Cariño para protexer, divulgar e promocionar esta riqueza natural e paisaxística. Páxinas publicitarias como a mentada son, quizais, o mellor exemplo de que o traballo fornece os seus froitos.  

  

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.