Xeoparque de Cabo Ortegal: balance da xornada

Share Button

O sábado 10 de decembro tivo lugar no Auditorio Municipal a xornada sobre o xeoparque de Cabo Ortegal, organizada polo Concello de Cariño. Como xa estaba anunciado, o evento contou cun plantel del altísimo nivel que nos permitíu coñecer mellor as potencialidades do noso territorio e as posibilidades dun proxecto deste tipo. Na sesión da mañá os xeólogos Ricardo Arenas, Richard Albert, Sonia Sánchez e Juan Ramón Vidal Romaní explicaron as últimas investigacións sobre o Complexo Xeolóxico de Cabo Ortegal. Na sesión de tarde José Ángel Sánchez Fabián, Leire Barriuso e Artur Abreu Sá explicaron varios exemplos de procesos de declaración e modelos de funcionamento de xeoparques da UNESCO (a foto que acompaña a esta entrada, tomada da edición dixital de La Voz de Galicia, ilustra un momento da xornada).

Os dous exemplos que recibiron especial atención foron os de Las Loras, aínda pendente de aprobación, e Costa Vasca. O primeiro é un caso de xestación lenta, iniciado dende a sociedade civil en 2004 e que comprende 16 termos municipais. O xeoparque de Costa Vasca, en cambio, comprende unicamente tres concellos e foi promovido dende os entes municipais que o integran e que participan na asociación responsable da súa xestión. Aínda tendo en conta as diferencias de modelo, quedaron claras as posibilidades de desenvolvemento que ofrecen os xeoparques en ámbitos como o turismo de calidade, a hostalería, o educativo ou o fomento da investigación.

O xeoparque pode convertirse nun proxecto estratéxico para unha comarca que precisa novas oportunidades de desenvolvemento socioeconómico. O evento contou coa presenza de alcaldes e concelleiros de sete concellos da comarca, que nos días posteriores declararon a súa vontade de seguir adiante cun proceso que, sen dúbida, vai a requerir un esforzo de coordinación importante. Na xornada tamén quedou claro o imprescindible que resulta a implicación cidadá. Queda moito traballo por diante, pero o encontro celebrado en Cariño supuxo un bo pulo para o proxecto.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.