Xeoparque do Cabo Ortegal: que proxecto queremos?

Share Button

Un dos asuntos que vén acaparando a actualidade comarcal dende hai unhas semanas é o proxecto de creación do Xeoparque do Cabo Ortegal. Nos últimos días vén de crearse unha asociación de apoio ó mesmo, que é responsable dun blog e dunha serie de mesas redondas orientadas a presentar a iniciativa nos distintos concellos da comarca.

Nas eleccións municipais de maio de 2011 -hai agora catro anos- o PSdeG-PSOE de Cariño incluímos no noso programa electoral o impulso dunha candidatura para converter en Xeoparque o Complexo Xeolóxico de Cabo Ortegal. Ninguén máis falaba daquela deste proxecto, que na nosa opinión podía e pode contribuír de maneira positiva á divulgación do noso patrimonio xeolóxico, achegando novas oportunidades económicas e laborais vinculadas ó turismo de calidade. Neste sentido, debemos felicitarnos polo feito de que unha idea que comezamos defendendo en solitario cobre forza e comece a ser un desexo compartido.

Convén sinalar que a idea do Xeoparque non xurdía da nada, senón que se apoiaba en experiencias previas promovidas na nosa etapa á fronte do Goberno Municipal cariñés, como a organización das xornadas As rochas máis antigas da Península Ibérica: introdución á xeoloxía do Cabo Ortegal (2007); a colaboración na organización da actividade Un día con geólogos uns meses despois; ou a publicación dunha Guía de Campo sobre o Complexo Xeolóxico do Cabo Ortegal elaborada por expertos de primeiro nivel internacional (2010). Posteriormente -xa como partido- seguimos colaborando noutras iniciativas, como o Geolodía 2014 correspondente á provincia da Coruña, que tivo lugar o 11 de maio do pasado ano en Cariño. Todas estas actividades foron posibles grazas á implicación e ó esforzo desinteresados de xeólogos da Universidad Complutense de Madrid e especialmente do profesor Ricardo Arenas, catedrático na citada universidade (fixemos balance de todo este traballo na entrada O PSdeG cariñés e a xeoloxía. Repasando a nosa preocupación polos recursos naturais locais, publicada nesta páxina web o 17 de xullo de 2014).

Tendo en conta os antecedentes citados, cremos conveniente expor algunhas reflexións respecto á situación na que nos atopamos actualmente. A primeira delas ten que ser para cuestionar o papel xogado polo actual Goberno Municipal cariñés. É ben sabido que o accidente xeográfico que lle dá nome ó proxecto, o Cabo Ortegal, está situado no noso termo municipal. Non obstante, e pese a contarmos cun patrimonio xeolóxico e paisaxístico de primeiro nivel, o papel do Concello de Cariño na súa promoción e aproveitamento sostible foi completamente inexistente nesta lexislatura que remata. A día de hoxe non sabemos que opina o Goberno Municipal deste proxecto de Xeoparque ou que papel desexaría xogar no seu deseño e xestión. Mentres tanto, concellos veciños empregan o Cabo Ortegal como reclamo turístico e tentan situarnos nunha posición subordinada na promoción e xestión do seu potencial.

Dende o noso punto de vista, os concellos deben de xogar un papel esencial no deseño da candidatura do Xeoparque e na súa posterior xestión. E nun proxecto eminentemente comarcal, como é o presente, deben de facelo en pé de igualdade, de maneira consensuada. Trátase das administracións máis próximas ó territorio, con capacidade para intervir no mesmo e para captar recursos, así como para exercer as necesarias funcións de coordinación a nivel local e supramunicipal.

Precisamente polo papel fundamental que están chamados a ter os concellos, preguntámonos que razóns hai para a actividade frenética que estamos a ver ultimamente cando en poucas semanas teremos novas corporacións municipais en tódolos concellos da comarca. Non sería preferible agardar a que se constitúan as novas corporacións para artellar dende o comezo da nova lexislatura un plan coordinado e consensuado?

Por último, cremos que a candidatura de Xeoparque do Cabo Ortegal debe contar cun Consello Científico Asesor no que estean representados os principais expertos a nivel nacional e internacional. É un acto de xustiza coas persoas que, ó longo de décadas, veñen traballando por situar a nosa riqueza xeolóxica no escenario académico internacional e, sobre todo, é a mellor –e case a única- garantía de que o proxecto sexa sostible no tempo e acade polo tanto o éxito que merece.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.