Xornada sobre política económica europea en Santiago de Compostela

Share Button

altO vindeiro venres 13 de marzo terá lugar en Santiago de Compostela unha xornada que leva por título Unha nova política económica para Europa: da austeridade ao crecemento. O encontro está organizado polo Grupo de la Alianza Progresista de Socialistas y Demócratas en el Parlamento Europeo co apoio do PSdeG-PSOE e terá lugar no auditorio do Hotel Monumento San Francisco.

O programa artéllase en torno a dúas mesas redondas. Tralas intervencións de apertura, que correrán a cargo do eurodeputado José Blanco e do Secretario de Economía do PSdeG Xaime Barreiro Gil, dará comezo ás 10 da mañá a primeira mesa redonda, titulada Unha política económica para o crecemento en Europa. Moderada pola xornalista Aida Pena (Radio Galicia Cadena Ser), intervirán o eurodeputado e economista Jonás Fernández Álvarez, o coñecido economista José Carlos Díez e o expresidente da Xunta Emilio Pérez Touriño.

Tras unha pausa, a segunda mesa redonda dará comezo ás 12 da mañá baixo o título Cara a unha Europa máis competitiva e eficiente. Moderada polo economista e profesor universitario Xaquín Fernández Leiceaga, intervirán o eurodeputado e exministro Ramón Jáuregui, a eurodeputada Inmaculada Rodríguez Piñero e o catedrático e expresidente da Xunta Fernando González Laxe. A clausura da xornada, ás 13:30 horas, contará coas intervencións de Ramón Jáuregui e do Secretario Xeral do PSdeG José Ramón Gómez Besteiro.

Dada a importancia dos temas a tratar, tentaremos que algún membro da Agrupación Socialista de Cariño esté presente na xornada. O socialismo europeo está chamado a xogar un papel importante no actual debate económico despois de que os feitos demostrasen o acertado do noso diagnóstico. Hai xa uns anos denunciamos que a austeridade a calquer prezo só traería máis sufrimento e empobrecemento da maioría social. Hoxe incluso economistas nada sospeitosos de esquerdismo recoñecen o erros do paradigma neoliberal e da austeridade irracional, defendendo a necesidade de cambios importantes na política europea, que pasan –entre outras cousas- por medidas de estímulo económico, flexibilización dos obxectivos de déficit e unha nova política fiscal.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.