Xuntanza comarcal en San Andrés de Teixido

Share Button

Hoxe celebrouse a xuntanza comarcal anual, que nesta ocasión, tralas anteriores edicións en Cariño e Cedeira, tivo lugar en San Andrés de Teixido. Nela participaron máis de 300 persoas. Alí estiveron os alcaldes de Cedeira, Ortigueira e Cariño, que dirixiron unhas palabras ós participantes.

 

Reproducimos a continuación as palabras pronunciada polo Alcalde de Cariño, José Luis Armada:

 

Bos días a todos e todas,

 

Alégrome de estar con vós un ano máis na terceira edición desta xuntanza das persoas maiores da comarca, iniciativa que fai tres anos arrancou en Cariño impulsada pola asociación O Faroleiro.

 

A principal motivación desta reunión festiva foi -e debe seguir sendo- fortalecer os lazos de unión entre as nosas vilas e ratificar o noso compromiso co seu futuro, que é, en definitiva, o futuro dos nosos fillos e fillas. De feito, este ano o evento exténdese ó público de tódalas idades e de seguro que, en anos vindeiros, iranse introducindo outras novidades. Con todo, penso que o máis importante é manter este espírito inicial de colaboración, integración e amizade.

 

Non me cabe dúbida de que, en boa medida, o noso futuro pasa pola colaboración e, concretamente, pola colaboración nun plano de igualdade. No pasado cometéronse erros importantes, que non paga a pena mentar, que foron froito do desexo de centralizar ou de subordinar uns pobos a outros. O fracaso destas políticas quedou constatado polos feitos e, hoxe máis que nunca, temos que ter claro que non é posible unha colaboración e un desenvolvemento conxunto se non situamos nun mesmo nivel ós actores implicados.

 

Esta reunión festiva é un bo reflexo deste espírito. Ademais, este ano celébrase na Capelada, unha serra que compartimos os concellos de Cedeira, Ortigueira e Cariño. A Capelada é un bo exemplo das potencialidades desta zona, pero estas non se esgotan aquí. Temos unha longa tradición pesqueira, marisqueira e conserveira. Compartimos unha riqueza natural e paisaxística privilexiada, que, ó mesmo tempo, é tamén fonte de riqueza económica e de benestar. Temos, ademais, retos importantes, como as nosas vías de comunicación, que requiren esforzos conxuntos.

 

Esta necesaria colaboración debe asentarse tamén na amizade e no fortalecemento dos lazos persoais. Así pois, podedes ter a seguridade de que, con eventos como este, camiñamos na dirección axeitada. Amigos e amigas, desfrutade deste día.

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.