O 25 de novembro é un día que nos atravesa como sociedade, coa conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Unha data de memoria, de denuncia e de compromiso. Unha xornada para recordar a todas as mulleres asasinadas a mans da violencia machista, para acompañar ás superviventes e ás súas familias. E un día de determinación colectiva para renovar o compromiso do noso país cunha vida libre de violencia para todas as mulleres e nenas.
A Violencia de Xénero é a expresión máis extrema dunha desigualdade histórica. É unha violación de dereitos humanos, un ataque directo aos valores democráticos e á dignidade das mulleres, polo mero feito de selo. Trátase dunha violencia estrutural dirixida cara ás mulleres polo mero feito de selo. Non é un fenómeno illado. É un problema de Estado e combatelo non é só unha responsabilidade política, senón un imperativo ético.
España avanzou con firmeza nesta loita, grazas a unha política pública sostida, un marco lexislativo robusto e unha rede de alianzas institucionais e sociais que resistiu mesmo nos contextos máis adversos. Este ano conmemoramos ademais un fito decisivo, como a renovación do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, aprobado o pasado mes de febreiro con amplo apoio parlamentario. Este novo acordo amplía o número de medidas de 290 a 461, recoñece novas formas de violencia –económica, dixital e vicaria– e reforza a súa dotación orzamentaria con 1.500 millóns de euros para os próximos cinco anos.
En coherencia con ese Pacto de Estado, o Goberno aprobou o anteproxecto de Lei Orgánica de medidas fronte á violencia vicaria, que por primeira vez recoñece como delito autónomo, no noso Código Penal, este tipo de violencia que se exerce contra as mulleres a través das súas fillas e fillos.
A violencia vicaria é a forma máis cruel de violencia machista. Ataca onde máis doe. Hoxe, máis de 1.400 menores están en risco segundo o sistema VioGén (Sistema de Seguimento Integral nos casos de Violencia de Xénero). Lexislar sobre esta realidade era un clamor social. Con esta lei, desde o PSOE buscamos visibilizar, previr, sancionar e erradicar esta violencia, situando unha vez máis a España na vangarda da igualdade e reafirmando algo esencial: estamos coas vítimas, nunca cos agresores.
A realidade obríganos a non baixar a garda: 36 mulleres foron asasinadas este ano. Desde 2003, son 1.331 as vidas arrebatadas. Desde 2013, 65 menores foron asasinados en contextos de violencia vicaria e 486 nenas e nenos quedaron orfos. Detrás de cada cifra hai un nome, unha historia, unha familia rota. Non hai espazo para a indiferenza nin para a equidistancia. Ou estamos coas vítimas, ou alimentamos o silencio que as desprotexe.
Fronte ao negacionismo e os discursos que trivializan a dor das mulleres, o PSOE reitera o seu compromiso inquebrantable co avance de políticas públicas que protexan e reparen ás vítimas, que impidan calquera forma de retroceso, e que garantan unha resposta integral, eficaz e especializada. É necesario seguir investindo en prevención, educación, formación, atención especializada, protección institucional e xustiza con perspectiva de xénero.
Así como seguir traballando para que con urxencia se aprobe a lei de violencia vicaria e para que o Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero se cumpra e implante de forma efectiva.
Somos plenamente conscientes de que o contexto nacional, europeo e internacional esixe estar alerta. Medran discursos autoritarios que cuestionan consensos fundamentais sobre os dereitos das mulleres. Defender a igualdade e combater a violencia machista é defender a democracia. Negar esta violencia, desacreditar a quen traballa coas vítimas ou faltar ao respecto ás mulleres asasinadas non só é inaceptable: é profundamente perigoso. Quérennos devolver a un tempo de silencio e desigualdade atacando directamente ao feminismo e aos dereitos conquistados.
Fronte a este retroceso, os e as socialistas posicionámonos con claridade: non permitiremos que se poña en xogo a igualdade, a liberdade nin a seguridade das mulleres. Han atoparnos enfronte, xunto coas vítimas e con todas as persoas que defenden unha sociedade xusta, libre e democrática.
Hoxe, como cada 25 de novembro, unímonos á chamada de Nacións Unidas e reafirmamos un compromiso que é político, pero tamén vital: non retroceder nin un milímetro. Porque é posible -e é a nosa obriga- acabar coa violencia contra as mulleres. E porque cada vida salvada é a maior vitoria dunha sociedade democrática.
