Cambios no Grupo Municipal: carta aberta de José Miguel Alonso Pumar

Share Button

No día de hoxe, o noso compañeiro José Miguel Alonso Pumar, alcalde de Cariño entre os anos 2015-2023 e voceiro do Grupo Municipal Socialista, presentou a súa renuncia como concelleiro para incorporarse ó posto que acaba de obter, tras superar o correspondente proceso selectivo, de xerente do Xeoparque do Cabo Ortegal. Dende a Agrupación Socialista de Cariño queremos expresarlle o noso máis fondo agradecemento polo seu traballo ó longo destes dez anos no Concello, desexándolle o mellor nesta nova etapa. En breve informaremos sobre a renovación do Grupo Municipal.

Reproducimos aquí o comunicado que o noso compañeiro vén de publicar en redes sociais:

Como moitos saberedes, actualmente formo parte da corporación municipal do Concello de Cariño como concelleiro electo nos comicios municipais celebrados en maio do 2023, actuando en representación do grupo municipal socialista PSdeG-PSOE, do que son o voceiro para o período 2023-2027.

Como non pode ser doutro xeito, ata o día de hoxe sempre tratei de atender fielmente e de forma completa o mandato cidadán que me foi encomendado. É dicir, con maior ou menor sorte teño por costume acabar todo aquilo que comezo.

Con todo, e de maneira absolutamente excepcional, nesta ocasión non poderá ser así. O motivo é que recentemente veño de acadar mediante oposición unha praza laboral como xerente do Xeoparque do Cabo Ortegal, un fascinante proxecto comarcal que ten que axudar a xerar sinerxias positivas e proxección internacional do territorio. O novo encargo non resulta legalmente incompatible coa miña actual tarefa como edil do noso concello, pero persoalmente entendo que o é non só de xeito práctico senón tamén -e por riba de todo- ético.

Na forma en que entendo a situación, o xerente dun ámbito tan concreto e integrador como o é o Xeoparque do Cabo Ortegal ten que estar fóra da disputa política diaria. Esta idea veño compartíndoa dende fai tempo non só cos meus familiares cercanos, ou cos compañeiros e compañeiras do partido en Cariño, senón que mesmo hai meses fixen partícipe da mesma á actual alcaldesa, Ana López (a quen, por certo, agradezo a súa discreción respecto diso).

Así as cousas, e mediante este texto, quero informarvos de que hoxe notifiquei a miña renuncia á acta de concelleiro, logo de 10 marabillosos anos traballando institucionalmente para tratar de facer de Cariño un lugar un pouquiño mellor no que vivir.

Sen dúbida unhas veces con acertos e outras cometendo erros. Pero é díficil expresar con palabras a percepción que sinto ó ter sido un privilexiado por gozar desa posibilidade xa que en realidade non pode haber maior honra para un cariñés.

Agora tomará o relevo como concelleiro do PSdeG-PSOE un novo compañeiro, Carlos Pernas, ó que lle desexo a maior das sortes. Estou convencido de que fará un gran labor na procura dun Cariño que ten que mudar a mellor. Ogallá sexa axiña, confío en que así será.

E na parte que me toca, e xa sexa dende o Xeoparque ou a título persoal, sempre estarei ó dispor de quen o precise para botar unha man en calquera iniciativa que poida ser positiva para Cariño e comarca.

O dito, moitas grazas, un abrazo grande a todas e todos… e viva Cariño!!

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.