Galicia é diversa, Galicia é orgullosa: Manifesto do PSdeG-PSOE polo Día do Orgullo LGTBI 2025

Share Button

O 28 de xuño conmemoramos o Día Internacional do Orgullo LGTBI. Facémolo lembrando a rebelión no bar Stonewall en 1969, semente do movemento que hoxe continúa defendendo dereitos, dignidade e igualdade. Pero este 2025 é, ademais, unha data sinalada: cúmprense 20 anos da aprobación do matrimonio igualitario e da adopción homoparental en España, un fito que transformou o noso país nun referente mundial en liberdade e igualdade.

Baixo o lema estatal deste ano, “20 anos avanzando en dereitos: nin un paso atrás”, a mobilización do Orgullo 2025 convértese nun berro colectivo fronte o recorte de dereitos tanto a nivel nacional como internacional. O Orgullo será, máis ca nunca, unha chamada á acción para blindar o futuro e defender o que tanto custou conquistar.

Queremos lembrar con gratitude e orgullo a figura de Pedro Zerolo, incansable activista e compañeiro socialista, cuxo compromiso e valentía foron determinantes para facer realidade esta conquista histórica. Grazas ao seu traballo e ao do Goberno socialista de José Luis Rodríguez Zapatero, España converteuse en pioneira na defensa dos dereitos das persoas LGTBI. Este ano cúmprense tamén 10 anos do seu pasamento e rendémoslle homenaxe mantendo viva a súa loita e o seu legado: unha sociedade máis xusta, diversa e libre.

Pero as raíces da nosa loita tamén están na nosa terra. En Galicia celebramos a historia de Marcela e Elisa, que no ano 1901 protagonizaron o primeiro matrimonio entre dúas mulleres do que se ten constancia no noso país, desafiando as normas da súa época e reivindicando con valentía o dereito a ser e amar en liberdade. E mesmo moito antes, no ano 1061, Pedro Díaz e Muño Vandilaz, veciños de Rairiz de Veiga (Ourense), foron unidos por un sacerdote no que se considera unha das primeiras evidencias históricas dunha unión entre dous homes en Europa. Galicia, con historia propia, foi e segue a ser terra de diversidade.

Con todo, na actualidade temos motivos para a preocupación. O avance da ultradereita e a súa entrada en distintos gobernos está a abrir a porta a discursos de odio que provocan un alarmante aumento dos delitos de LGTBIfobia. A censura, a invisibilización e a negación de dereitos son unha ameaza directa á convivencia democrática. Non o imos permitir. Como socialistas, alzamos a voz con firmeza: fronte ao odio, máis igualdade. Fronte á intolerancia, máis educación. Fronte ao retroceso, máis orgullo.

PSdeG-PSOE reafirma o seu compromiso coa defensa da liberdade e a diversidade nas cidades, pero tamén no ámbito rural, onde aínda existen moitos silencios e medos que romper. Apostamos por unha Galicia onde as persoas LGTBI poidan vivir con dignidade e visibilidade e por unha educación inclusiva que forme en igualdade dende a infancia.

Seguiremos impulsando políticas públicas valentes que garantan a igualdade real das persoas LGTBI, asegurando tanto o marco legal como a súa aplicación efectiva. Defenderemos os dereitos conquistados fronte a calquera intento de retroceso e traballaremos para ampliar as proteccións e garantir vidas libres de discriminación, violencia e odio. Porque os dereitos non se negocian: deféndense e fanse valer con vontade política.

O Orgullo é memoria, presente e futuro. É celebración, mais tamén loita. É dereito a vivir sen medo e en liberdade.

Animamos á cidadanía galega a sumarse ás mobilizacións e actividades do Orgullo en todas as comarcas e cidades de Galicia.

Porque Galicia é diversa. Galicia é orgullosa. Viva o Orgullo LGTBI!

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.