Moción do Grupo Socialista sobre a Atención Primaria no Centro de Saúde de Cariño para debate no Pleno Municipal

Share Button

O Partido Socialista alerta da situación “inadmisible” que sofre a veciñanza de Cariño pola falta de cobertura médica no Centro de Saúde, que obriga ás persoas usuarias a esperar ata 13 días para unha cita de atención primaria.

Co obxectivo de esixir unha resposta inmediata, o Partido Socialista presentou unha moción no Pleno do Concello de Cariño para instar á Xunta a adoptar unha solución estable e urxente que asegure a cobertura permanente das prazas de medicina de familia e pediatría, e que podes ler a continuación:

O Grupo Municipal Socialista no Concello de Cariño de acordo ao disposto no artigo 71.3 do Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais desexa elevar ao pleno  Municipal a seguinte MOCIÓN.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

A sanidade pública é un dos piares fundamentais do Estado do Benestar e un dereito recoñecido no artigo 43 da Constitución Española. Garantir unha atención sanitaria universal, gratuíta e de calidade é unha obriga das administracións públicas, e especialmente da Xunta de Galicia, como responsable da xestión do sistema sanitario galego.

A atención primaria constitúe a porta de entrada ao sistema e o nivel asistencial máis próximo á cidadanía. É o espazo onde se prevén enfermidades, se atenden os primeiros síntomas e se realiza o seguimento das patoloxías crónicas. Cando a atención primaria falla, todo o sistema sanitario se resinte: medran as urxencias hospitalarias, agrávanse os problemas de saúde e aumenta a desigualdade no acceso á asistencia.

Porén, a realidade actual amosa que o Goberno galego leva anos desatendendo este nivel asistencial, sen planificación nin investimento suficiente. A falta de profesionais, a precariedade laboral e a escasa reposición de prazas están a provocar unha situación de colapso en moitos centros de saúde de Galicia.

O caso do Centro de Saúde de Cariño é unha mostra especialmente grave desta situación. As veciñas e veciños do municipio están a sufrir demoras de máis de 13 días para poder acceder a unha cita coa médica ou médico de cabeceira. Esta espera, absolutamente inasumible, supón unha vulneración do dereito á atención sanitaria en tempo e forma, e pon en risco a saúde das persoas que precisan atención urxente ou seguimento continuado.

A situación é particularmente preocupante nun concello como Cariño, onde moitos pacientes son persoas maiores con enfermidades crónicas e con dificultades de mobilidade. A ausencia dunha resposta inmediata pola parte da Xunta de Galicia supón unha discriminación territorial evidente e unha mostra máis do deterioro progresivo da atención primaria en todo o país.

É imprescindible que o Goberno galego actúe de maneira inmediata, reforzando o cadro de persoal médico e de enfermaría, mellorando a organización interna e garantindo que ningunha persoa teña que agardar máis de 48 horas para ser atendida pola súa médica ou médico de cabeceira. A saúde non pode esperar, e a igualdade de acceso aos servizos públicos tampouco.

Por todo exposto o Grupo Municipal Socialista no Concello de Cariño, propón ao Pleno da Corporación a adopción dos seguintes ACORDOS: 

Solicitar á Xunta de Galicia:

  1. Adoptar con carácter inmediato as medidas necesarias para garantir que as persoas usuarias do Centro de Saúde de Cariño poidan acceder a unha cita coa súa médica ou médico de cabeceira nun prazo máximo de 48 horas, conforme ás recomendacións da OMS e aos estándares de calidade asistencial.
  2. Reforzar de maneira urxente o cadro de persoal médico e de enfermaría do devandito centro, asegurando a cobertura de todas as prazas estruturais e substitucións.

En Cariño, a 5 de novembro de 2025

 

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.