Moción para esixir un transporte público digno e coordinado en Cariño e na Comarca de Ortegal

Share Button

O Grupo Municipal Socialista no Concello de Cariño de acordo ao disposto no artigo 71.3 do Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais desexa elevar ao pleno  Municipal a seguinte MOCIÓN.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

A mobilidade é un dereito básico que garante a igualdade de oportunidades, a cohesión territorial e o acceso aos servizos públicos esenciais. Con todo, na comarca do Ortegal —e moi singularmente no concello de Cariño— a situación do transporte interurbano continúa a ser moi deficiente, cunha oferta de servizos claramente insuficiente e descoordinada.

O transporte público é unha peza esencial para asegurar que toda a cidadanía, viva onde viva, poida exercer plenamente os seus dereitos. Dispor de conexións dignas e regulares non é só unha cuestión de comodidade: é un requisito fundamental para acceder á sanidade, á educación, ao emprego, aos servizos administrativos e á participación social. Sen transporte público adecuado, a veciñanza ve limitadas as súas oportunidades, aumenta a desigualdade territorial e prodúcese un illamento que prexudica directamente a súa calidade de vida.

Os horarios actuais evidencian graves limitacións na mobilidade da veciñanza de Cariño, cunha oferta que non permite garantir necesidades básicas como o acceso ao seu hospital de referencia, a asistencia educativa ás vilas da contorna en horario compatible, nin a conexión con Ferrol, Narón ou cos principais polígonos industriais da contorna. A falta de coordinación entre servizos, a ausencia de ligazóns funcionais e a inexistencia dun sistema comarcal de transporte público impiden articular un modelo de mobilidade vertebrado nun territorio marcado pola dispersión e pola alta dependencia dos servizos públicos de transporte.

Esta realidade provoca un efecto claro: a veciñanza de Cariño está illada dentro da súa propia comarca, sen poder exercer en condicións de igualdade dereitos tan básicos como estudar, acudir ao seu hospital de referencia, traballar ou realizar xestións cotiás. A Xunta de Galicia leva anos prometendo melloras nos contratos do transporte público, mais a situación permanece estancada e sen dar resposta ás necesidades reais da cidadanía.

Por todo exposto o Grupo Municipal Socialista no Concello de Cariño, propón ao Pleno da Corporación a adopción dos seguintes ACORDOS: 

Instar á Xunta de Galicia a reforzar de maneira inmediata as conexións de transporte público interurbano entre Cariño e Ferrol, garantindo frecuencias suficientes en franxas de mañá, mediodía e tarde para permitir mobilidade laboral, educativa e asistencial.

Instar á Xunta de Galicia a:

  1. Articular un sistema comarcal de transporte no Ortegal, con liñas e horarios coordinados entre Cariño, Mera, Cedeira, Ortigueira, Ferrol e Narón, que inclúa:
    1. Ligazóns efectivas cos polígonos industriais.
    2. Coordinación entre operadores para garantir transbordos útiles.
    3. Servizos suficientes en fin de semana nas franxas básicas.
  2. Garantir unha conexión axeitada entre Cariño e Cedeira (centro máis próximo que dispón dunha ampla oferta de FP) que permita ao alumnado chegar ao inicio das clases en horarios compatibles co horario escolar, evitando chegadas excesivamente anticipadas.
  3. Incorporar estas melloras no novo marco contractual do transporte público de Galicia, así como na planificación orzamentaria correspondente ao exercicio 2026.

Instar ao Goberno Municipal a que poña en marcha un buzón de Queixas e Suxerencias sobre o transporte público na comarca e posteriormente darlle traslado das mesmas á empresa concesionaria do servizo e a DX de Mobilidade da Xunta de Galicia.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.