Neste mes de maio de 2025 cúmprense 50 anos da publicación do primeiro número da revista Nordeste. En maio de 1975, nun Cariño puxante e co dictador aínda vivo, Nordeste xurdía no ámbito parroquial como un voceiro que combinaba a reivindicación coa crónica da vida sociocultural de Cariño e comarca. Foron cruciais naqueles primeiros tempos da revista -entre os anos 1975 e 1983- os párrocos Francisco Martínez “Pacurri”, Salustiano Pedre e Atilano Maciñeira. Nordeste aínda coñecería outras tres etapas máis (1988-89, 1993 e 1995-96), polo xeral de duración efímera, da man da Asociación de Veciños San Bartolo de Cariño.
Nordeste foi un voceiro esencial da nosa historia recente. Contribuíu a crear conciencia crítica e reivindicativa, estableceu o argumentario en demandas xustas como o instituto de secundaria ou a independencia municipal, xerou vínculos con persoeiros da política e da cultura, foi unha escola en distintas facetas (escritura, ilustración, edición…) para varias xeracións de rapaces/as… Alén do papel que desempeñou nas súas diferentes épocas, na actualidade é unha fonte hemerográfica fundamental para coñecer o acontecido naqueles anos. Tódolos números da revista están hoxe dispoñibles en internet grazas a un proxecto liderado polo goberno socialista durante a pasada lexislatura.
Dende a Agrupación Socialista de Cariño consideramos que o cincuentenario de Nordeste é un acontecemento para reivindicar e reflexionar. Por esta razón, hoxe lanzamos unha iniciativa titulada Nordeste en 20 portadas, que consistirá na publicación comentada, no noso perfil de Facebook, dunha selección de 20 portadas representativas da traxectoria da revista e da nosa historia recente. Comezamos coa portada que acompaña a esta entrada, correspondente a ese primeiro número aparecido en maio de 1975. As seguintes irán saíndo ó longo das vindeiras semanas, como parte do que agardamos sexa unha conmemoración máis ampla na que xa estamos a traballar.