Resumo do Pleno Ordinario celebrado o 31 de xullo

Share Button

O pasado xoves, 31 de xullo, celebrouse un novo Pleno Ordinario no Concello de Cariño. Nun dos puntos da Orde do Día formalizouse oficialmente a renuncia do noso compañero José Miguel Alonso Pumar. Dende aquí queremos manifestarlle unha vez máis o noso agradecemento por estes dez anos de intenso traballo, tanto na Alcaldía como na oposición, e desexarlle toda a sorte do mundo nas novas tarefas que vai a desempeñar como xerente do Xeoparque do Cabo Ortegal.

Pasamos a explicar a nosa posición nos asuntos que se trataron, así como os Rogos e Preguntas que realizamos dende o Grupo Municipal Socialista:

Votamos a favor dos días inhábiles para o ano 2026: 16 de xullo e 24 de agosto.

Tal e como manifestamos no seu momento, votamos a favor da proposta que nos trasladou a comunidade educativa para o novo nome do Colexio: CEIP A BASTEIRA. Tamén preguntamos ao equipo de goberno polo seu cambio de parecer sobre este tema: a Alcaldesa no Consello Escolar votou abstención e na Comisión Informativa votaron a favor. Polo que nos explicaron, non o tiñan falado entre eles. Quedou constatado que nin o falaron nin teñen clara a súa posición, xa que no Pleno votaron en contra.

Comezamos o apartado de Rogos e Preguntas amosando o noso rexeitamento á morte de Teresa, traballadora do SAF en O Porriño. Enviamos o noso apoio e solidariedade á familia e compañeiras e apoiamos a concentración convocada para o día seguinte en tódolos concellos.

Quixemos que o equipo de goberno nos aclarara varias cuestións relacionadas co problema da praga de pulgas na Rúa Travesía Centeás:

– Que pasos deu o Goberno Municipal entre o 9 de xuño, no que recibiron a primeira comunicación do problema por parte dunha veciña, e o 23 de xuño, data na que se puxeron en contacto cos donos da vivenda? A Alcaldesa dixo que non foi o 9 senón o 12, pero, polo que entendimos, non fixo nada. Tal e como denunciamos nesta web, ata que a veciñanza denunciou publicamente o problema pasadas dúas semanas, o Concello non actuou.

– Cando se vai a facer a desinfección anunciada para o 9 de xullo, e que a empresa non realizou por falta de sinalización? A Alcaldesa dixo que a empresa entende que non é necesaria, pero ela di que si, e que se vai a facer, pero non aclara cando. Xa estamos en agosto, pasou un mes, e a empresa non volveu pola rúa.

– Non queremos deixar de falar do problema que causou esta praga: a falta de control dos gatos na rúa. A Lei de Benestar animal, en vigor desde setembro de 2023, establece como unha competencia municipal a xestión de colonias felinas, e hai convocatorias públicas de axudas para os concellos para poñelas en marcha. O equipo de goberno non quere asumir a competencia e non solicitou ningunha destas subvencións.

Falamos tamén do Polideportivo Municipal. Poden indicarnos un cronograma de traballo para a licitación, inicio das obras e apertura da instalación? A Alcaldesa contesta que teñen que ter xustificado o convenio para abril de 2026.

Tamén preguntamos sobre o rocódromo e as colchonetas. Vaise a desmontar durante as obras? Que vai a pasar con el? Contestan que non o saben, que xa o dirán os técnicos cando empecen as obras.

Pedimos a creación de video-actas, coa posibilidade de que toda a veciñanza poda ver os Plenos en streaming. Tamén solicitamos que colguen na páxina web as actas (non supón ningún custo económico para o Concello), para que a poboación poda ler os acordos.

Contactaron co colectivo de taxistas do concello para estudar a retirada da cabina telefónica, que está sen uso e en malas condicións, e colocar no seu lugar un panel informativo cos datos de contacto do servizo de taxis? A resposta foi que aínda non.

Algún avance na licitación do proxecto de Renovación de pavimentos na Rúa Río Miño, Río Sor e Sanchola, que quedou deserta en decembro de 2023, hai un ano e sete meses, e cun orzamento de 70.947,09€? A resposta foi que aínda non. O Concello ten agora mesmo proxectos sen licitar por valor de 658.077,16€.

No Pleno anterior falamos da Aula Mentor, e comentaron que iban a solicitar unha axuda para o mantemento da mesma. Cando miramos os Decretos, non vimos a resolución de solicitude. A resposta foi que ao final non se pedíu.

O pasado 14 de maio asistimos a unha charla de Seitura22 sobre as axudas que convoca esta asociación. Solicitouna o Concello? A resposta foi que non.

Algún avance ao respecto das axudas para a renovación da cuberta da Casa da Cultura? O goberno informa que non as concederon e non hai previsión de empezar as obras, aínda que é algo moi necesario.

Temos algunha novidade sobre a axuda para un camión solicitada ao Presidente da Deputación? Polo de agora ningunha.

Sobre a Mostra de Teatro. Poden indicarnos as compañías que gañaron o premio do público en 2024? É que nos sorprende que anuncien que van a entregar un dos premios a Píscore, cando non actuou nesa edición. Parece ser que o premio é para outra compañía pero vanllo dar a eles xa que teñen a mesma distribuidora. Aconsellamos que anuncien ás compañías gañadoras ao remate da Mostra e non ao ano seguinte.

Tamén mostramos a nosa sorpresa ao ver na prensa e nas redes sociais como unha das novidades máis importantes desta edición da Mostra a función da Escola Municipal de Teatro, pero non aparece por ningún sitio nin na web oficial nin no folleto coa programación.

Preguntamos o motivo de que inicialmente (logo o corrixiron) non saíra anunciada a Festa da Caldeirada nas redes sociais do Xeoparque. Polo que nos di a Alcaldesa, é o seu departamento de prensa quen busca os eventos e que moitas veces se olvidan dos de Cariño. A nosa recomendación é que dende o propio Concello lles envíen a programacíón da semana, así evitamos calquera omisión.

Rogamos que utilicen o escudo oficial aprobado pola Xunta de Galicia en 1996. Vimos no cartel da Caldeirada ou en uniformes de persoal municipal un escudo distinto ao aprobado.

Na prensa saíu publicada a convocatoria por parte da Mancomunidade dun curso gratuíto de socorrismo en instalacións e espazos naturais aos que pode apuntarse a veciñanza do Concello. Por qué non se lle deu publicidade en redes sociais e no Cariño Informa?

En abril anunciouse que Cariño sería un dos Concellos que acolla á nova unidade móbil de renovación de DNI, que permite facer todo nun día. Cando vai a vir a Cariño? Vimos anunciado que en setembro aínda eran necesarios dous días, un para facer a solicitude e outro para recollelo. A Alcaldesa dixo que non o sabía.

Cando se van a convocar as axudas para as asociacións neste 2025? Van a permitir investimentos? Contestan que cara a final de ano.

Hai un burato na Laguna bastante grande que debe levar dous meses. Outro máis pequeno no aparcamento do Polideportivo. Cando os van a arreglar? Din que nuns días.

Como foi a reunión con Costas que tiveron o outro día? A Alcaldesa resposta que ben, que falaron do Colexio e do Polideportivo. Que ninguén se preocupou por este tema. Queremos comentar que durante o noso mandato houbo varias reunións a tres bandas (Concello, Xunta e Costas) para tratar o tema de facer un colexio novo na zona na que marca o PXOM, e foi a Xunta de Galicia a que non mostrou interese ningún.

No ano 2024, e durante varios Plenos, comentamos o incremento das aportacións do Estado aos ingresos do Concello. A Alcaldesa dicía que non se podían utilizar eses cartos. A final de ano vimos unha resolución de Alcaldía utilizando esa nova aportación. En 2025 volve a pasar o mesmo, incrementando en 260.982,04€ a cantidade que hai no orzamento. Pode dicirnos a Alcaldesa en que se van a utilizar? Resposta que se van a utilizar en servizos.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.