Sobre o polideportivo municipal e o uso das redes sociais por parte do goberno

Share Button

O PSdeG denuncia o uso partidista das redes sociais e da web do Concello de Cariño por parte do equipo de goberno do Partido Popular.

Como xa denunciamos en varias ocasións, o Partido Popular está a utilizar as redes sociais e a páxina web do Concello para uso partidista, apropiándose do que é de todas e todos, e financiado cos cartos de toda a veciñanza.

Tanto as redes sociais como a páxina web municipal deben utilizarse como unha canle de comunicación coa veciñanza, deixando as opinións e comentarios partidistas para as páxinas dos propios partidos.

Comentamos esto pola nova que aparece hoxe na páxina web sobre o inicio das obras no polideportivo, dous anos despois dos seu peche. Na mesma, o equipo de goberno manifesta que nos 8 anos do goberno socialista non se fixeron traballos de reparación no mesmo, mentindo descaradamente.

A maiores dos traballos necesarios para o mantemento, e ademáis da colaboración coa asociación Os Corzos de Ortegal na instalación do rocódromo, o equipo de goberno socialista puxo en marcha un plan de traballo por fases para a remodelación completa da instalación, empezando pola cuberta, e da que xa tiña financiación a través dun convenio coa Deputación da Coruña. En xuño de 2023, só faltaban os permisos para iniciar as obras. Este convenio tamén incluía o cambio da cuberta da Casa da Cultura. O importe total das dúas obras tiña un custo de 239.448,13€.

A pesar de moitas preguntas en Pleno pola nosa parte, o goberno municipal non informaba da situación dos case 200.000€ que a Deputación se comprometeu a achegar para estas dúas obras. Hoxe coñecemos que en febreiro de 2025 (podes ver na imaxe o extracto das resolucións de Presidencia 6702 e 6719 publicado no BOP) a Deputación arquivaba os expedientes ao non ter noticias do Concello, anulando a concesión dos case 200.000€.

Alegrámonos de que despois de dous anos comecen as obras do Polideportivo, pero requerimos ao Goberno Municipal que explique que vai a pasar coa obra da cuberta da Casa de Cultura e instamos a que inicien conversas coa Deputación para recuperar os cartos comprometidos na lexislatura anterior.

 

 

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.