Con este texto queremos manifestar a falta de transparencia e o incumprimento da legalidade por parte do Goberno Municipal cariñés ante a problemática dunha praga de pulgas aparecida na Rúa Travesía Centeás.
Logo de ver as queixas veciñais ante este problema e a falta de resposta do Goberno Municipal, presentamos ata tres escritos por rexistro solicitando diversa información; dous deles aínda están sen respostar, incumpríndose amplamente o prazo máximo que teñen para enviarnos a documentación que pedimos.
Denunciamos publicamente esta falta de transparencia xa que parece ser a única forma de que o Goberno Municipal reaccione ante os problemas, tal e como pon de manifesto a inacción que demostraron ata que a veciñanza denunciou en redes sociais e medios de comunicación a existencia desta praga. Os problemas para o Goberno Municipal non existen ata que se fala deles na prensa ou nas redes sociais.
Segundo manifestou a Alcaldesa o 26 de xuño no xornal La Voz de Galicia, “lo primero es avisar a los dueños (lo hicimos el lunes) y se le va a hacer un requerimiento”. Moito tardaron en avisar á propiedade (segundo informa, o fixeron o luns 23 de xuño) cando a primeira comunicación da veciñanza ao Concello foi o 9 de xuño (é dicir, dúas semanas antes).
E seguimos pendentes de que nos informen da nova data de desinfección na rúa logo de que a empresa que veu a realizar a desinfección anunciada para o 9 de xullo non puidera traballar xa que non se sinalizou a zona de traballo como requiren os protocolos (esta información forma parte da documentación solicitada e que aínda non nos enviaron).
Para rematar, queremos recalcar que a orixe principal deste problema, a xestión dos gatos na rúa, é unha competencia municipal segundo a Ley 7/2023, de 28 de marzo, de protección de los derechos y el bienestar de los animales, en vigor dende setembro de 2023 e que afirma o seguinte: “corresponde a las entidades locales la gestión de los gatos comunitarios, a cuyos efectos deberán desarrollar Programas de Gestión de Colonias Felinas”.
Para facilitar a execución desta competencia, o Goberno de España convoca subvencións destinadas ao control poboacional das colonias felinas. Neste 2025 o prazo de solicitude de axudas para executar no ano 2026 rematou o pasado 29 de maio e, polo que temos entendido, dende o Concello non se pedíu ninguna. Aínda está aberto, ata o 12 de setembro, o prazo de solicitude das axudas da Xunta de Galicia.