Xeoloxía universitaria en Cariño

Share Button

Un grupo de alumnos e profesores da Facultade de Ciencias Xeolóxicas da Universidad Complutense de Madrid fixeron hoxe unha viaxe de estudos ó Cabo Ortegal e foron recibidos polo noso Alcalde, José Luis Armada, na Casa do Concello.

Trátase dun grupo duns 40 alumnos de 5º curso de Licenciatura e de Máster. Estes últimos cursan a asignatura Geología de regiones metamórficas, que estuda a xeoloxía do basamento de Europa occidental. Viñeron acompañados de cinco profesores da mentada universidade.

A facultade de xeolóxicas da Complutense realiza esta viaxe de carácter formativo, con periodicidade anual, dende hai trinta anos (iniciouse en 1981). Trala xornada de campo, a última hora da tarde o grupo achegouse ó Concello, onde o Alcalde dirixíu unhas palabras, entregou información sobre o medio natural de Cariño e explicou algúns proxectos en funcionamento, como o Aula do Mar.

Con esta recepción refórzase a colaboración que mantén o Concello de Cariño con xeólogos da Universidad Complutense de Madrid. A este respecto, cómpre lembrar que a institución municipal organizou os días 23 e 24 de xullo de 2007 unhas xornadas co título As rochas máis antigas da Península Ibérica: introducción á xeoloxía do Cabo Ortegal, cuia dirección científica estivo a cargo destes investigadores (na foto, os participantes nas citadas xornadas baixando ó Peirao, durante a excursión que tivo lugar nas mesmas). Uns meses despois, o 26 de abril de 2008, xeólogos das universidades Complutense e da Coruña desprazáronse a Cariño para celebrar, de novo en colaboración co Concello, a actividade Un día con geólogos, programada en diversos puntos da xeografía española con motivo do Día da Terra e que, no noso caso, foi obxecto dunha reportaxe emitida na Televisión de Galicia. Outras actividades en colaboración atópanse actualmente en preparación.

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.