Seguimos sen pediatra

Share Button

Quizais os responsables de Sanidade da Xunta de Galicia tiñan a esperanza de que as vacacións de verán disolverían as reinvidicacións da cidadanía cariñesa a prol dunha consulta diaria de pediatría no Centro de Saúde.

Pero a saúde dos pequenos e pequenas é unha cousa moi seria. Nin como goberno municipal nin como partido imos afrouxar o máis mínimo nesta demanda. A nova aparecida este sábado en La Voz de Galicia amosa que as nais cariñesas, protagonistas principais desta loita, tampouco están dispostas a ceder. Están fartas e co lema "Promesas non, feitos" prevén manifestarse esta semana na entrada do Centro de Saúde.

As súas inquedanzas veñen dun tempo atrais, pero adquiriron maior relevancia a comezos deste ano, como podes lembrar facendo un repaso ás entradas antigas desta web. O día 20 de febreiro comezamos a facernos eco desta problemática, que voltamos a tratar en varias ocasións ó longo das semanas seguintes. Ó mesmo tempo, as nais levaron a cabo unha recollida de sinaturas, acadando máis de 1300, que foron entregadas ó noso Alcalde nunha reunión.

O 28 de maio aprobouse en pleno unha proposta do goberno municipal para trasladar ó Sergas as sinaturas e apoiar a reivindicación das nais. A proposta foi apoiada polos tres partidos que compoñen a corporación municipal. Xa pasaron varios meses e seguimos na mesma situación, polo que as novas medidas de presión anunciadas polas nais teñen toda a razón de ser.

Polo demais, na nova aparecida o pasado sábado na prensa, o PP volve a mentir sen ningún pudor. Afirman que a praza de pediatra foi suprimida polo bipartito, o cal é falso. Por outro lado, o PP leva xa ano e medio gobernando a Xunta. É unha burla culpar ó bipartito dunha situación que unicamente lles corresponde a eles resolver.

Tamén é falso que as actuacións da Xuntan respondan a unha moción presentada polo PP. A proposta aprobada en pleno partíu do goberno municipal, apoiando a recollida de sinaturas levada a cabo polas nais.

En terceiro lugar, resulta unha vergoña volver a ler os argumentos do Sergas sobre as medias sanitarias. Tivemos que escoitar argumentos similares ós responsables da Xunta do PP cando, hai anos, reclamabamos a ambulancia (que non acadamos ata que, con Touriño na Xunta, a Consellería de Sanidade estivo en mans socialistas). Voltamos a dicir o que xa dixemos moitas veces: as medias de pacentes por pediatra non significan o mesmo en Cariño ou en Mañón que en Fene ou en Narón.

A cidadanía cariñesa ten toda a razón. O servicio diario de pediatría non pode seguir agardando.

Aquí podes consultar a nova aparecida o sábado en La Voz de Galicia:

http://www.lavozdegalicia.es/ferrol/2010/10/16/0003_8787041.htm

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.