O PSdeG de Cariño reúnese coa Asociación de Veciños para reclamar á Xunta que poña en marcha un Centro de Día e Residencia no municipio

Share Button

A xuntanza contou coa participación do voceiro socialista local Jonathan Miranda, da concelleira María José Fraguela e do deputado autonómico Aitor Bouza.

O PSdeG-PSOE reuniuse coa AV de Cariño de cara a trasladar á Xunta de Galicia a súa reivindicación de que haxa un Centro de Día e unha Residencia de Maiores de xestión pública no concello.

O voceiro socialista local Jonathan Miranda lamenta que “despois das mobilizacións de outubro e da recollida das máis de 1200 sinaturas por parte da Asociación en decembro tanto a Xunta de Galicia como o Goberno Municipal teñen paralizada calquera xestión sobre este proxecto”.

“A caótica situación actual do SAF con persoas usuarias sen atender cada día, a lista de agarda de persoas coa dependencia recoñecida que non teñen servizo, o envellecemento xeral da poboación e a carencia de recursos públicos na comarca fan imprescindible que a Xunta dote ao noso municipio destas instalacións”, engade.

“Tamén pedimos ao Goberno Municipal que asuma este asunto como unha prioridade e reclame ao goberno galego este servizo para Cariño”, engade o portavoz socialista local.

Na reunión falouse tamén “do abandono xeral no que a Xunta de Galicia ten á comarca de Ortegal e ao Concello de Cariño en particular, reclamando entre outros asuntos, a Vía de Alta Capacidade do Ortegal, máis persoal de atención sanitaria ou unha ambulancia medicalizada para o territorio”, apunta Miranda.

O parlamentario Aitor Bouza destacou que se trata dunha reivindicación de toda a veciñanza de Cariño e levará ao Parlamento de Galicia unha esixencia “que se leva facendo durante anos, pero que a día de hoxe é unha necesidade urxente”.

Para Bouza, as persoas que precisan deste servizo, especialmente maiores, “non poden seguir agardando”. “Queremos esixirlle ó señor Rueda que se comprometa con orzamentos, que poñan enriba da mesa xustamente unha partida orzamentaria para poder acometer este centro de día e residencia de maiores”, apunta.

O socialista salienta que isto é “algo fundamental para garantir os dereitos das persoas maiores”. “Como tanto lle gusta repetir ao señor Rueda e ao Partido Popular que defenden a todos eles e a todas elas, pois que o demostren con orzamentos, con compromisos”.

“Todo iso é o que demostra que realmente queres ou non queres a unha comarca, a un pobo, e a unha vila como Cariño, o resto vai a seguir sendo denostar a este pobo, denostar a todas estas persoas maiores que están esperando, que están agardando porque a Xunta de Galicia se decida dunha vez por todas a facer política útil”, conclúe.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.