Intervención realizada no Pleno Extraordinario do día 14 de agosto no que se tratou, a petición do PSdeG, a situación do SAF e a RPT

Share Button

Bo día,

Hoxe celebramos un Pleno Extraordinario a petición do Partido Socialista pola súa negativa para manter un diálogo e negociación co resto de grupos municipais.

O día 11 de xuño de 2026 solicitamos por escrito unha reunión para tratar estos asuntos nunha Xunta de Portavoces. Reiteramos a petición o pasado 20 de xullo, pedindo que se incluíra na orde do día do Pleno ordinario a celebrar un punto para tratar estes temas.

Ningunha das dúas peticións foi atendida polo que nos vimos na obriga de solicitar este Pleno que hoxe celebramos.

Na orde do día incluímos dous asuntos: a situación do Servizo de Axuda no Fogar e o proceso de negociación da Relación de Postos de Traballo.

Estamos ante dous problemas moi importantes para o Concello, que teñen repercusión na vida diaria dos veciños xa que os servizos vense afectados e que requiren unha atención por parte do Goberno Municipal que non vemos. Os culpables sempre son outros: traballadoras, oposición, sindicatos… pero o equipo de goberno non fai autocrítica e non asume as súas responsabilidades.

Desde o Grupo Socialista queremos ser firmes, pero tamén queremos ser construtivos. Non vimos únicamente a sinalar problemas. Vimos a pedir explicacións, a poñer sobre a mesa unha situación que consideramos preocupante e, sobre todo, a ofrecer a nosa disposición para buscar solucións.

SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR

Estamos a falar dun servizo esencial para moitas persoas dependentes e as súas familias que necesitan este dereito para manter unha vida digna.

Aínda que nos referimos a horas de servizo, horarios ou números, en realidade falamos de PERSOAS: persoas que necesitan axuda para as tarefas cotiás como levantarse, alimentarse, asearse, tomar a medicación… e así poder vivir no seu domicilio conservando a autonomía e calidade de vida. Tamén falamos de familiares que necesitan estas horas de apoio para ter un respiro e poder conciliar a vida laboral cos coidados ao seu familiar.

Na actualidade o servizo pasa polo seu peor momento. Só hai 3 traballadoras de 12 en activo, e polo que acabamos de coñecer, a partir desta fin de semana, ningunha estará disponible para traballar.

En xuño de 2023, cando vostede tomou posesión, o número de persoas atendidas no SAF era de 46 na modalidade de dependencia e de 18 na modalidade de prestación básica.

Pode dicirnos cantas persoas son atendidas neste momento?

O último dato ao que tivemos acceso, sacado das propias liquidacións que emiten os servizos económicos é o de xuño de 2026: 24 persoas en dependencia e 11 en prestación básica.

22 persoas menos en dependencia (case un 50% menos) e 7 en prestación básica (case o 40% menos).

Se falamos de horas prestadas, en DEPENDENCIA no ano 2025 o servizo realizou 24.184 horas.

2.611 horas menos que en 2024 e 4.914 horas menos que en 2023.

Polas liquidacións deste ano, están a prestar unha media de 1.412 horas mensuais, o que resultaría ao ano 16.942 horas.

7242 horas menos respecto ao ano 2025 e 12.156 horas menos respecto ao 2023 (máis dun 40% menos).

Todos estos datos teñen unha consecuencia clara: o resultado son persoas maiores sen atención e familias sen resposta. O equipo de goberno non é capaz de poñer en marcha unha solución efectiva a este problema.

Vou a ler un extracto dun comunicado que nos achegou a familiar dunha persoa dependente:

Quiero poner en conocimiento la situación que se viene produciendo respecto a la prestación del servicio de ayuda a domicilio desde el mes de junio de 2026 con continuas faltas de asistencia en el servicio. 

Aunque hicimos las reclamaciones pertinentes a la Alcaldía no hemos solucionado el problema durante los meses siguientes, al contrario, se han producido incluso más faltas de asistencia durante los meses de julio y lo que llevamos de agosto. En julio se le atendió solo durante algunos días de la primera quincena por la mañana y en lo que va de agosto la situación continúa sin solucionarse, la asistencia se está realizando durante una hora por la tarde cuando las necesidades de su higiene precisarían de una atención preferentemente de mañana.

Cada día, as persoas usuarias sufren faltas na prestación do servizo ou ven minorada a súa intensidade, incumprindo o Programa Individual de Atención (PIA). En moitas ocasións estos cambios non se comunican de forma oficial desde o Concello nin se consensúan coas familias para acudir no horario máis adecuado ás necesidades da persoa dependente.

Preguntámosllo por escrito (20/07/2026, número de rexistro 202699900000732) pero non nos contestou: Cales son os criterios que seguen para tomar a decisión de suspender ou reducir o horario do servizo? Cal é o motivo de non comunicarllo ás familias coa debida antelación ou non consensuar o novo horario reducido?

En decembro de 2025, Inspección de Servizos Sociais comunícalles o seguinte:

As persoas usuarias son titulares dun dereito subxectivo, recoñecido nas súas resolucións do seu Programa Individual de Atención e o dereito a un determinado número de horas de atención non pode ser modificado nin minorado, salvo petición expresa e libre da persoa usuaria ou do seu representante legal. 

Advírteselles novamente que desatender as necesidades básicas de atención, de acordo cos requirimentos do seu plan individual de atención e que non contar co persoal suficiente de acordo co tipo de actividade e número de persoas atendidas poden constituír infraccións graves, de conformidade co establecido nos artigos 81f) e 81g) da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia.

Non queremos deixar de falar do persoal do servizo. A situación é límite. Na actualidade hai tres de doce en activo, e como comentamos anteriormente, nos vindeiros días ninguén estará dispoñible para prestar servizo e quedarán persoas usuarias sen atender.

O clima laboral, a sobrecarga de traballo, os cambios contínuos de horarios xeneran incertidume e ansiedade, non saben se van a poder descansar e cando,… A actitude do goberno municipal non axuda, con continuas referencias a amonestacións, expedientes,…

Hai pouco tempo, unha traballadora renunciou ao seu posto de traballo fixo logo de 24 anos, ao igual que anteriormente unha traballadora social. Esto ten que facernos reflexionar sobre a situación.

As traballadoras están a facer un esforzo enorme para manter o servizo. Logo da convocatoria da mesa de negociación de outubro de 2025, no que se desbotaron por unanimidade os horarios propostos pola Alcaldía dentro do procedemento de modificación sustancial das condicións laborais e acordouse negociar uns novos, prepararon unha proposta de novos horarios que o goberno municipal desbotou sen dar argumentos.

Pode explicarnos cales son os motivos polos que non se aceptaron os horarios propostos polas traballadoras e decretou uns o 26 de febreiro que a xustiza ordenou retirar? Había informes que avalaran o seu rexeitamento?

Logo da implantación unilateral dos horarios, o Concello foi condenado en primeira instancia por vulneración de dereitos fundamentais e ten que pagar máis de 30.000€ en indemnizacións. No último Pleno recoñeceron que o procedemento non foi o correcto.

O informe de Inspección que mencionamos anteriormente tamén fala da incorporación de recursos humáns ao servizo. Falan da situación das Traballadoras Sociais, e requiren a contratación de dúas, xa que están financiadas polo Plan Concertado:

Tendo en conta que a través do Plan Concertado, fináncianse 2 traballadores/as sociais a xornada completa para o concello de Cariño, requíreselles que procedan, con axilidade, á súa substitución.

Xa coñecemos a súa intención de amortizar unha praza de traballador/a social. Nós estamos en contra desta decisión, e pedimos que a reconsidere xa que non representa á maioría da  Corporación.

As súas palabras chocan co seus feitos, xa que o día 31/03/2026 asina a Resolución de Alcaldía 102/2026 polo que solicita o financiamento de dúas traballadoras sociais a través do Plan Concertado.

Se ten financiamento para as dúas prazas, cal é o motivo para non mantelas?

Nas mesas de negociación celebradas foi comentada en varias ocasións a necesidade de contratar máis persoal para o SAF e sacar unha nova bolsa de emprego xa que a que estaba en vigor non tiña persoal dispoñible.

Cal é o motivo polo que esperaron ata xuño para sacar a bolsa? Logo de que quedara deserta, non hai outros procedementos para a contratación de persoal: SEPE,…? Outras administracións en algunhas circunstancias fan chamamentos a través do servizo de emprego.

Por outro lado, despois da xubilación de varios traballadores, a taxa de reposición permite sacar unha OPE para este ano 2026.

Aínda que xa o comentamos nos dous últimos Plenos, non vimos avances sobre o asunto. Ten pensado facer unha Oferta de Emprego Público? Instamos a que negocie co resto de partidos a mesma.

A situación da empresa que tamén presta servizo é similar. Non é capaz de cubrir os traballos para a que está contratada: atender aos seus usuarios e cubrir as baixas e vacacións do persoal municipal. En moitas ocasións son as propias traballadoras municipais as que teñen que cubrir á empresa.

Pensa sacar a licitación o servizo? Cal é o motivo polo que non o fixo? 

Tamén queremos comentar a adquisición de axudas técnicas para as persoas usuarias. O PSdeG manifestou no seu momento a necesidade de utilizar unha parte do POS Social 2026 para realizar a compra.

O Pleno Municipal aprobou por unanimidade o 14 de xaneiro de 2026 a adquisición de 4 grúas con arnés e 2 asentos xiratorios para bañeiras. Creemos que é necesario darlle continuidade a esta proposta e queremos que nos explique se xa están disponibles ou cando se van a comprar estas axudas.

Vamos a leer dous comunicados que nos achegaron a familiar dunha usuaria do Servizo de Axuda no Fogar e a Directiva da Asociación de Veciños do Concello de Cariño. 

Intervención para o Pleno Extraordinario do Concello de Cariño

​Á Sra. Alcaldesa e aos membros da Corporación Municipal do Concello de Cariño:

​O meu nome é Dolores. Hoxe estou aquí presente neste salón de plenos, pero ao non ter a palabra para poder falar directamente, pedín que se lea este escrito no meu nome. A voz da miña familia (que é a de moitas outras no noso concello) non pode quedar no esquemento, porque a urxencia e a gravidade da situación que estamos a atravesar non admiten máis demoras nin evasivas.

​A meirande parte de vostedes coñecen á miña sogra, Carmen de Muiños. Con 102 anos e 6 meses ( como nos di ela), é a persoa máis lonxeva do noso municipio. Ten recoñecida a dependencia desde fai 24 anos, primeiro con Grao II para atención básica e posteriormente con Grao III por dependencia total, e ten concedidas formalmente pola Xunta 3 horas e 8 minutos diarios de atención.

​Nestes 24 anos de servizo, xamaís estivo un só día sen cubrir. Sempre existiu a coordinación e a vontade suficiente para que as traballadoras se organizasen e cubrisen as necesidades dos usuarios. Por iso resúltame tan difícil de entender que, precisamente agora, se diga que non se pode seguir facendo o mesmo. Nestes últimos días, de luns a venres (e que rematan hoxe mesmo),  tan só dispuxo dunha hora de servizo ás 11:20, un parche insuficiente que a partir de mañá desaparece por completo, deixándoa sen ningún tipo de atención «ata nova orde».

​Non veño hoxe a falar de política nin de disputas partidistas. Veño a falar de xustiza social e da realidade das familias.

​Cando esiximos explicacións pola retirada progresiva e definitiva do servizo, o argumento do goberno local foi que, ao ter familia directa, a miña sogra non ten prioridade fronte ao colapso do SAF. Que nin os seus 102 anos nin o seu Grao III pesan ante a falta de persoal. Dáse a entender que o feito de ter fillos é escusa abonda para que a administración se desentenda das súas obrigas legais.

​Quero deixar algo moi claro ante esta corporación: a familia xamais desamparou a Carmen. Como fixemos sempre, cubrimos de forma continua as súas necesidades básicas, a súa alimentación, os seus recados e os seus coidados xerais. Pero polas nosas propias condicións de saúde, resúltanos fisicamente imposible asumir a carga do manexo diario que require unha persoa en Grao III de dependencia. Non se trata de vontade, trátase de saúde e de límites físicos.

​Para suplir o baleiro que deixa o Concello, tivemos que contratar do noso peto a unha persoa para que veña a levantala e deitala. Pero esa non é unha solución nin digna nin sostible:

Atenta contra a dignidade dunha anciá de 102 anos, obrigándoa a adaptarse a horarios non habituais e intempestivos só para amoldarse á dispoñibilidade duns servizos privados.

É insostible economicamente. A pensión da miña sogra non alcanza para cubrir estes custos. As familias estamos asumindo un impacto financeiro que non nos corresponde para suplir un dereito que a administración lle concedeu pero se nega a prestar.​

Sei que non somos os únicos. Na nosa «aldea grande» hai máis familias ao límite, con dependentes en situacións extremadamente delicadas que foron privados do servizo da noite para a mañá, sen marxe de maniobra nin información previa.

​Sabemos que o SAF atravesa un momento crítico e recoñecemos o esforzo insostible que realizan as súas traballadoras. Queremos poñer en valor, de xeito moi especial, a figura de Ana Lozano, unha das coidadoras que durante anos atendeu á miña sogra con amor e paciencia infinitas, e que lamentablemente tivo que renunciar ao seu posto de traballo esgotada pola sobrecarga e a tristeza. Pero a falta de persoal non pode ser unha escusa permanente nin a xustificación para que profesionais como ela cheguen ao límite. A xestión dos recursos públicos é responsabilidade deste goberno local.

​Se as bolsas de traballo están esgotadas, é obrigación do Concello buscar solucións urxentes e extraordinarias. Se existen fórmulas e incentivos salariais para meirande garantía de prazas técnicas na administración municipal, aplíquenlos tamén de inmediato para facer atractivos os contratos do SAF e cubrir as baixas de forma prioritaria.

​A todos os grupos políticos aquí presentes dígolles: o abandono dos maiores é un fracaso de toda a sociedade. Non vimos a este pleno a buscar culpables, senón a esixir respostas e medidas concretas. As desculpas sobre burocracia, xuízos ou bolsas de emprego non coidan, non levantan a unha persoa de 102 anos nin alivian a angustia familiar.

​Rógolles que neste pleno deixen a un lado as diferenzas e acorden un plan de choque inmediato para meirande garantía da atención que os nosos dependentes merecen. Devolvan a dignidade aos maiores de Cariño e o respaldo ás familias que xa non poden máis.

​Moitas grazas.

Á CORPORACIÓN MUNICIPAL DO CONCELLO DE CARIÑO

Desde a Asociación Veciñal queremos trasladar unha mensaxe moi clara sobre a situación do SAF.

No anterior Pleno aprobouse unha moción, impulsada inicialmente desde esta Asociación, para convocar de inmediato a Mesa de Negociación e promover unha mediación externa a través da AGA. A proposta saíu adiante con votos favorables e abstencións, sen ningún voto en contra. Ademais, durante o propio Pleno manifestouse conformidade coa figura mediadora.

Por iso hoxe queremos ser moi claros: se existe acordo coa mediación e o Pleno xa aprobou impulsar esa vía, non hai escusa para seguir demorándoa. Agora toca actuar.

Xa sabemos que desde aquel Pleno non se avanzou nesta cuestión, pero queremos saber:

Vaise convocar a Mesa de Negociación? Hai unha data?

Iniciouse algunha xestión para solicitar a mediación?

Porque, mentres tanto, recibimos unha resposta oficial da Inspección de Servizos Sociais que constata irregularidades no funcionamento do SAF de Cariño, recoñece as dificultades do Concello para cubrir os servizos e informa de que se adoptaron medidas sancionadoras.

Xa non estamos, polo tanto, ante unha opinión da Asociación, dun sindicato ou dun partido político.

Hai irregularidades constatadas oficialmente.

E a situación é aínda máis grave porque o problema non afecta unicamente ás persoas que xa teñen concedida a Axuda no Fogar.

Desde hai moito tempo non se están producindo novas altas no servizo.

É dicir, mentres falamos das persoas que xa teñen horas recoñecidas e non reciben toda a atención que precisan, existe outra realidade que non podemos esquecer: persoas maiores ou con necesidades de apoio que nin sequera están conseguindo incorporarse ao servizo.

E isto, nun concello como Cariño, é especialmente grave.

Segundo os datos oficiais do IGE, o 36,59 % da poboación de Cariño ten 65 ou máis anos. Máis dunha de cada tres persoas que viven neste concello. A idade media supera xa os 53 anos.

Por iso debemos preguntarnos algo que vai moito máis alá do propio SAF:

Como pretendemos que a xente siga vivindo en Cariño se cando chega o momento de necesitar coidados practicamente non ten alternativas?

Sen un SAF capaz de dar resposta ás necesidades reais e sen un centro de día, que opcións estamos ofrecendo ás familias?

Que vai facer un fillo ou unha filla que traballa na Coruña, Ferrol ou noutra cidade cando o seu pai ou a súa nai xa non pode vivir só e aquí non atopa os apoios que precisa?

Moitas veces a única saída será levalo consigo.

E cando marchan os nosos maiores porque aquí non poden ser atendidos, detrás deles poden marchar tamén familias, fillos, netos e vida para o noso pobo.

Non podemos falar de loita contra o despoboamento mentres non somos capaces de garantir algo tan básico como poder envellecer e ser coidado no lugar no que un decidiu vivir toda a súa vida.

E, ao mesmo tempo, continúan chegando á Asociación escritos de familias que falan de persoas dependentes sen a atención que precisan, de esgotamento, preocupación e desesperación.

Por iso queremos volver deixar algo moi claro:

Non buscamos culpables. Non buscamos cabezas políticas. Non queremos guerras. Queremos solucións.

Levamos demasiado tempo vendo como a pelota pasa dun tellado outro.

Pois ben:

Xa non nos importa en que tellado está a pelota. Queremos que deixen de pasala.

A Asociación xa pediu mediación en xuño, trasladouna ao Concello e á Xunta, impulsou a proposta que chegou ao Pleno e esa proposta foi aprobada.

Agora só pedimos unha cousa: que se cumpra.

Que se convoque a Mesa.

Que se active a mediación.

Que se garanta a atención das persoas que xa teñen o SAF recoñecido.

E que se explique que vai ocorrer coas persoas que necesitan entrar no servizo e levan demasiado tempo sen poder facelo.

Porque unha negociación pode esperar uns días máis. Unha persoa dependente, non!

E Cariño tampouco pode permitirse seguir perdendo persoas porque cando máis necesitan vivir aquí, non lles ofrecemos os servizos necesarios para poder facelo.

Por iso preguntamos:

Que máis ten que pasar para que se poña en marcha unha solución?

Directiva da Asociación Veciñal do Concello de Cariño

 

A situación non se sostén máis. Durante este mandato reduciuse o número de horas de atención prestada e tamén o número de usuarios atendidos. Levamos moito tempo sen dar altas novas no servizo. A plantilla de persoal reduciuse e non se están a cubrir as vacantes.

Sabemos que xestionar un servizo destas características non é sinxelo, por eso solicitamos este Pleno. É un problema que nos afecta a todos, temos que analizar a situación e buscar solucións.

Por todo esto, solicitamos ao Goberno Municipal: 

– A realización e presentación dun informe actualizado sobre a situación do SAF.

– A negociación duns horarios que respondan ás demandas das persoas traballadoras e usuarias e cumpran coa lexislación laboral.

– A presentación dun plan de acción para poñer en marcha o SAF que permita a atención de todas as persoas usuarias e, de forma paulatina, o incremento de horas de prestación do servizo e novas altas de persoas usuarias.

– A solicitude dunha mediación externa para avanzar e atopar solucións a través da AGA.

– O compromiso de toda a Corporación para avanzar neste tema e buscar entre todos unha solución.

RPT

O segundo tema do que queremos falar é a negociación da Relación de Postos de Traballo. Sabemos que é un tema complicado que leva moitos anos enriba da mesa.

Aínda que se deron pasos nos últimos meses, o Goberno Municipal paralizou as negociacións a pesar de comprometerse a manter unha reunión cada semana. A última que tivo lugar foi o 8 de xuño.

Esta decisión, tomada de forma unilateral, non responde ao sentir maioritario da Mesa xa que tanto as traballadoras e traballadores, sindicatos e os partidos da oposición están do lado da xustiza e amosan unha clara vontade de negociar e intentar chegar a acordos.

Ademais, cómpre resaltar que existe unha sentenza xudicial do 17 de xuño de 2026 que obriga ao Concello de Cariño a aprobar unha RPT.

Cal é motivo de que non convoque novas mesas de negociación? 

No último Pleno culparon á indemnización que a xustiza obriga a pagarlles ás traballadoras do SAF por vulneración de dereitos fundamentais como o motivo polo que non se pode avanzar nas negociacións. Falaron de cantidades que non se corresponden: 70 ou 80 mil euros, cando en realidade son uns 30.000€.

Pero a responsable destas sentenzas non son as traballadoras, que en todo caso son vítimas, senón vostedes, que despois de iniciar un procedemento de forma legal, o obvian totalmente o 26 de febreiro cando impoñen uns horarios sen negociar. Vostedes mesmo recoñeceron que non foi o procedemento correcto.

As últimas mesas de negociación foron un claro exemplo de parálise, xa que non se entregou ningunha documentación solicitada impedindo avanzar nas negociacións. Non se negociou o número de postos de traballo a incluír no documento final, cunha proposta imposta polo equipo de goberno, que non representa á maioría da Mesa, e que ao noso entender é insuficiente, xa que pretende amortizar postos que nós vemos esenciais manter.

Instamos ao Goberno Municipal: 

– Á convocatoria inmediata da Mesa de Negociación.  

– A aprobar a solicitude dun proceso de mediación externa a través da AGA, (Acordo interprofesional Galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflitos de traballo). 

– A negociación dos postos a incluír na RPT, xa que a súa posición non é a mioritaria do Pleno Municipal. 

– A presentar unha proposta de orzamentos, necesaria para avanzar na negociación da RPT e para levar adiante a súa aprobación.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.