As nosas suxerencias: ferramenta para recuperar a memoria

Share Button

Esta semana cumplíuse o 30 aniversario do 23-F, o Golpe de Estado que en 1981 quixo rachar co proceso democrático que, con dificultades, estaba iniciándose en España trala longa dictadura franquista.

Con este motivo, os medios obsequiáronnos con artigos, reportaxes e outros materiais de interese diverso; en xeral, moi poucas novidades con respecto ó xa sabido. En calquera caso, aproveitando que esta semana está a xirar en torno á memoria histórica, queremos adicar a nosa sección de suxerencias a comentar algúns materiais que pagan moito a pena.

O competente economista e historiador Dionisio Pereira acaba de publicar na editorial Xerais o libro Loita de clases e represión franquista no mar (1864-1939). Trátase dun completo volume de 512 páxinas que narra en detalle os movementos asociativos do sector pesqueiro e a súa loita por mellorar o mundo do mar. Como se afirma no texto promocional do libro: "Esta rede humana que turraba por unha riqueza compartida e un horizonte vital máis libre e igualitario foi, por iso mesmo, masacrada e marxinada".

Outro libro do máximo interese, algo máis antigo, é o publicado por Francisco Xabier Redondo Abal co título O fulgor e as tebras. As bibliotecas na Galiza da II República e a súa destrución durante a Guerra Civil. Trátase dun volume publicado por Laiovento en 2009 que describe, por un lado, os esforzos acometidos polas autoridades republicanas a prol da alfabetización e da dotación de bibliotecas no ámbito rural; e, por outro, a destrucción sistemática á que foron sometidas estas bibliotecas galegas durante o alzamento franquista. Teremos ocasión de voltar polo miúdo sobre estes dous libros.

Cambiando agora ó ámbito da política nacional, e ó universo de internet, queremos recomendarche a web do Grupo Parlamentario Socialista no Congreso dos Deputados. Entre os moitos contidos que ofrece esta páxina, cómpre destacar a sección Historia del Grupo, onde podes atopar unha historia do Grupo Socialista, unha base de datos con tódolos deputados e deputadas dende 1910 e unha sección de fotografías que vai dende Pablo Iglesias ate a actualidade. Podes acceder a estes contidos aquí:

http://www.socialistasdelcongreso.es/opencms/opencms/gps/elements/historiaGPS

Por último, o xornal El País, na súa edición Galicia, publica hoxe un interesante artigo de Xosé Manuel Pereiro que leva por título Hoy estarían muertos. Nel reflexiona sobre as listas elaboradas polos sectores de ultradereita cos nomes das persoas a suprimir ou represaliar en Galicia no caso de que o 23-F triunfase. Nestas listas atopábanse dirixentes socialistas como Fernando González Laxe ou Salvador Fernández Moreda; nacionalistas como Xosé Manuel Beiras; ou o actual presidente da Real Academia Galega, Xosé Luis Méndez Ferrín. Sobre todos estes nomes vérquense consideracións totalmente inxuriosas, alusivas as máis das veces á posesión de armas. Debemos o coñecemento desta documentación ó historiador Carlos Fernández. O artigo de Pereiro está accesible neste enderezo:

http://www.elpais.com/articulo/Galicia/Hoy/estarian/muertos/elpepuespgal/20110224elpgal_7/Tes

Todos estes materiais lémbrannos que o século XX tivo en España, como no resto de Europa, etapas moi duras e dramáticas que cómpre coñecer. A fin de contas, as raíces destes conflictos atópanse, as máis das veces, na oposición dos sectores máis conservadores e totalitarios da sociedade ás xentes progresistas e ás clases traballadoras que loitaron e loitan por conquerir unha sociedade máis xusta, igualitaria, democrática e ilustrada. Afortunadamente hoxe, gracias ó compromiso da gran maioría da sociedade española, a confrontación política transcorre por uns cauces máis civilizados. 

     

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.