Pensar dende a esquerda: Pablo Iglesias visto por Suso de Toro

Share Button

altRematou agosto e este mes de setembro inaugura un importante curso político que ten como acontecemento principal as eleccións municipais de maio de 2015. Dende a Agrupación Socialista de Cariño levamos tempo traballando nun proxecto que aspira a obter o respaldo maioritario da cidadanía cariñesa e cuxos detalles iremos dando a coñecer nos vindeiros meses. Ó mesmo tempo, neste curso pretendemos que esta web siga mantendo os seus principais sinais de identidade, un dos cais é sen dúbida esta serie de entradas que agrupamos baixo o título Pensar dende a esquerda.

A primeira entrada deste curso político, dentro da citada serie, queremos dedicala ó fundador do PSOE e da UGT, Pablo Iglesias Posse, apoiándonos na semblanza que da súa figura fai o escritor galego Suso de Toro. Nado en Ferrol en 1850 e considerado o pai do socialismo español, Pablo Iglesias é unha figura que suscita o respecto e a admiración unánimes dentro da esquerda. A razón principal é sen dúbida a súa coherencia, a súa entrega constante na defensa das clases traballadoras e das persoas desfavorecidas, a súa austeridade e sacrificio persoais, o seu actuar consecuente. Criado en condicións moi difíciles, conseguíu aprender o oficio de tipógrafo e o 2 de maio de 1879 fundou o PSOE na taberna Casa Labra, nunha reunión á que acudiron 25 persoas. Fundou a publicación El Socialista en 1886 e o sindicato UGT en 1888. O seu traballo foi decisivo para situar ó noso partido na posición central que hoxe ocupa na esquerda deste país. Faleceu en Madrid en 1925.

Coñécese habitualmente como pablismo o espírito que Pablo Iglesias quixo imprimir ás organizacións que creou. Outro insigne socialista, Luis Gómez Llorente, foi seguramente quen máis esforzos dedicou á reivindicación e recuperación histórica destes valores. Nun discurso pronunciado en 2001, Gómez Llorente afirmaba: Pablismo es el estilo que infundió Iglesias a las organizaciones por él creadas. Iglesias se consideraba a sí mismo un fiel marxista, pero fue sobre todo un gran humanista y un regenerador de la vida pública (…) Sus principales virtudes fueron la laboriosidad incansable al servicio de los trabajadores, su seriedad, es decir, la implacable coherencia entre lo que pensaba, lo que decía, y lo que hacia; su sereno arrojo para estar donde creía que debía estar, lo que le llevó siete veces a la cárcel. Fue laico y republicano sin estridencias. Hay que destacar su prudencia, por eso desconfiaba del mito de la huelga general revolucionaria. Sin negar que en la sociedad habría un día un corte drástico, operaba cotidianamente como un gradualista, pero sin abdicar de la meta”.

Carmen Fernández Casanova, catedrática de Historia Contemporánea na Universidade da Coruña, coordinou recentemente o volume Estudios sobre Pablo Iglesias y su tiempo, publicado pola citada universidade en 2013 e que supón unha boa posta ó día sobre este insigne socialista e o seu contexto histórico. Polo demais, no panorama editorial español bótase en falta unha biografía completa e actualizada que sirva para achegar a Iglesias ó gran público, ó estilo da que Julio Aróstegui consagrou a Largo Caballero.

Nas páxinas do xornal El País o escritor galego Suso de Toro foi publicando unha serie de relatos biográficos de persoalidades relevantes de Galicia, caso de Murguía, Rosalía, Pardo Bazán ou Castelao. Algún destes artigos, como o dedicado a Vicente Risco, motivou unha intensa polémica. Estes textos apareceron recollidos despois no libro Inmateriais. Vidas da nosa historia, publicado por Xerais en maio de 2013.

Un dos relatos recollidos en Inmateriais leva por título A nova vida de Paulino Iglesias e versa sobre o fundador do socialismo español. Comeza do seguinte xeito: “A emigración é o grande acontecemento histórico que non aparece na Historia. Mais non falemos da Historia e falemos de historias, nas que sempre hai un momento que corta en dous a vida, o momento da partida da casa da infancia e a travesía para un mundo novo”.

Trala morte do seu pai, Iglesias deixa o seu Ferrol natal e marcha a Madrid ós nove anos co seu irmán Manuel, tres anos menor, e a súa nai. Están na miseria e fan a viaxe camiñando. O relato prosegue máis abaixo: “A Paulino esa experiencia apréndelle varias leccións: a lección da miseria total, de estar na vida desamparado (…) Tamén aprenderá que cando un non ten nada todo é posíbel; Paulino aprenderá a soñar con imposíbeis. Aprenderá tamén que hai un gozo na liberdade de non estar atado a ningures nin a nada”.

En Madrid a nai de Iglesias chega a pedir esmola na rúa e á porta dunha igrexa. Consegue ingresar ós seus dous fillos no Hospicio de San Fernando. Co sufrimento Pablo enferma do estómago, doenza que padecerá xa o resto da súa vida. Aprende o oficio de tipógrafo e le todo o que pode. “Está esfameado de corpo, mais el estase a preparar para unha loita, leva dentro unha caldeira acendida e, co que aprendeu, vai comer o mundo. Foxe do hospicio aos doce anos e entra a traballar en imprentas, rebélase contra as condicións salariais, súmase a unha folga”. Tras unha vida de loita, vivindo en condicións de austeridade e pobreza, deixa á súa morte un sobre con mil pesetas para o partido. “A única licenza na súa vida de mártir foi vivir no cariño dunha muller que xa tiña un fillo de seu, que porfillou. Casaron pouco antes de morrer el”.

Suso de Toro remata o seu relato lembrando o asasinato en 1936 de Xoán Xesús González, fundador en Santiago de Compostela da Unión Socialista Galega. “Paulino tivo sorte e morreu antes, en 1925. Zafouse así dos asasinos que agardaban nunha volta do camiño en 1936”.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.