Visita do Presidente da Deputación a Cariño

Share Button

Máis de catro anos tiñan pasado dende a última visita oficial dun Presidente da Deputación a Cariño. Fora en marzo de 2011 cando Salvador Fernández Moreda se achegara á nosa vila con motivo da inauguración da piscina municipal, sendo Alcalde José Luis Armada; dende entón o esquecemento. Onte ese triste rexistro entrou a formar parte do pasado co encontro celebrado entre o novo mandatario provincial, Valentín González Formoso, e o equipo de goberno local dirixido polo alcalde José Miguel Alonso Pumar.

A cita, comprometida dende datas atrás, produciuse nas dependencias da Casa do Concello, onde o equipo de goberno lle trasladou ó Presidente da Deputación as principais demandas que o Concello de Cariño precisa. Acordos previos, saneamento ou melloras das vías públicas foron os temas a tratar.

Entre os asuntos máis relevantes destacou o acordo por case 400.000 euros dedicado a poñer en marcha as depuradoras de Feás, Sismundi e Figueiroa. O proxecto tiña arrancado no anterior mandato socialista, e dende entón fórase dilatando no tempo por mor das innumerables trabas burocráticas atopadas, o que sen dúbida puxera en serio risco o mantemento no tempo do compromiso orzamentado, próximo xa á súa caducidade. Na xuntanza de onte acordouse desbloquear o proxecto e ampliar por período dun ano o prazo de execución do mesmo. Para os socialistas de Cariño o saneamento das nosas parroquias é algo fundamental e irrenunciable.

Tamén foron motivo de discusión os accesos viarios ó concello. Como é ben sabido as dúas estradas que vertebran a circulación no noso termo municipal (a CP-6121 Cariño-Mera e a DP-2205 Cariño-San Andrés, Cedeira) son de titularidade provincial, polo que é a administración que preside González Formoso quen ten as competencias sobre as modificacións a realizar neses viais. Nese senso, o Goberno Municipal trasladoulle ó Presidente a necesidade de mellorar varios puntos perigosos da estrada Cariño-Mera. Cómpre lembrar que esta estrada é, de entre todas as que xestiona a Deputación, a que soporta un maior volume de tráfico pesado na provincia.

Do mesmo xeito insistiuse na relevancia de ir comezando, na medida que as partidas orzamentarias da Deputación o permitan, as melloras que precisa a estrada que une San Andrés de Teixido e Cariño, unha vía esquecida pola administración provincial na pasada lexislatura e cuxo axeitado acondicionamento potenciaría os vencellos económicos entre Cariño e Cedeira ó permitir unha mellor conexión de turismos e, sobre todo, autocares entre tres importantes focos turísticos comarcais: o santuario de San Andrés de Teixido, Vixía Herbeira e o Cabo Ortegal.

Un último tema fundamental a debater foi o relativo á reformulación dun convenio de obra pública que nun principio ía a ser adicado á mellora de varios locais ubicados no soto da Casa do Concello. A imposibilidade técnica para desenvolver os traballos puxera en risco esa partida económica. Finalmente o Concello de Cariño poderá facer uso, noutros proxectos, dos case 50.000 euros orzamentados no acordo.

A visita rematou preto das 15:30 h. co compromiso por parte de González Formoso de equilibrar o agravio inversor que Cariño veu sufrindo nos últimos anos.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.