Comunicado do Concello de Cariño no Día Internacional das Mulleres

Share Button

Reproducimos aquí o comunicado que con motivo do Día Internacional das Mulleres vén de publicar o Concello de Cariño.

Tal día como o de hoxe, aló polo ano 1977, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas declarou o Día Internacional da Muller Traballadora. Con todo, o simbolismo do 8 de marzo remóntase a un tráxico feito acaecido no 1908, cando un grupo de 129 operarias dunha fábrica de Nova Iorque foron pechadas nas instalacións da empresa, onde faleceron abrasadas polo lume que o propio dono da compañía provocara ó non aceptar a folga laboral que as traballadoras tiñan comezado.

Resulta francamente desalentador ver que en pleno século XXI aínda teñamos que seguir reivindicando o acadar aqueles dereitos polos que comezaron a loitar esas 129 mulleres. É certo que avanzamos, pero aínda hai moito por percorrer neste camiño.

A nosa xente sabe moito de mulleres fortes e loitadoras, mulleres que traballaron e traballan a reo, moitas veces pelexando soas no día a día ante a ausencia dos seus maridos mariñeiros, nais que sacan adiante a un tempo a familia e o traballo. Porque, efectivamente, falamos de avoas, nais ou fillas, piares fundamentais da vida de calquera cariñesa ou cariñés.

Os problemas de índole social, económico ou mesmo político non poden servir de parapeto para afastarse da liña que leva a acadar unha sociedade igualitaria para coas mulleres. Con todo, e a pesares do que levamos avanzado en cuestións de igualdade ó longo da nosa tenra democracia, nos últimos anos vimos percibindo como a crise económica que estamos a vivir deu cobertura argumental a un deliberado empobrecemento do noso Estado de Benestar Público, provocando recortes en materia de educación, saúde ou atención á dependencia, feitos estes que afectan de maneira particular ás traballadoras, provocando nelas unha máis elevada taxa de paro laboral ou ben xerando non poucos problemas na súa conciliación laboral. Estes cambios parecen retrotraernos a aqueles tempos pretéritos nos que as mulleres dependían afectiva e economicamente do home, dedicando os seus esforzos á crianza dos fillos, asumindo o rol de coidadoras da familia. En definitiva, asistimos a unha volta das mulleres ás tarefas do fogar.

Dende o Concello de Cariño temos adquirido o forte compromiso de traballar pola igualdade en tódolos ámbitos posibles. Tal é así que fai escasas semanas vimos de aprobar o Plan de Igualdade, un texto no que se recollen as liñas mestras sobre as que basear cada unha das accións a desenvolver no marco da igualdade ó longo dos vindeiros dous anos.

Cremos que no futuro imos a precisar de políticas e políticos valentes, capaces de facer efectivas leis que garantan a igualdade salarial, textos que aseguren un equilibrio no recoñecemento profesional entre homes e mulleres en empresas e institucións, normas que faciliten unha mellor conciliación laboral da muller ante a maternidade ou leis máis efectivas ante os execrables casos de violencia de xénero. Falamos de regras que deben ser pensadas para que mulleres e homes sexamos realmente iguais en dereitos e deberes. Depende da política, da educación, da cultura, da sanidade, en definitiva da sociedade en xeral -é dicir de nós- que así sexa.

O día en que vivamos en igualdade gañaremos todas e todos. Será o día en que as posibilidades para o desenvolvemento vital de mulleres e homes sexan as mesmas.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.