A praia dos afogados: arranca a programación de Cinemas de Galicia

Share Button

O vindeiro sábado 12 de marzo, ás oito da tarde, comeza no Auditorio Municipal de Cariño a programación da rede Cinemas de Galicia, na que como saberás vén de ingresar o noso Concello.

A programación arranca con A praia dos afogados (2015), un filme de suspense baseado na novela de Domingo Villar, dirixido por Gerardo Herrero e que conta no reparto con excelentes actores como Carmelo Gómez, Luis Zahera, Celso Bugallo ou Carlos Blanco. O argumento xira en torno á aparición do cadáver dun mariñeiro coas mans atadas e a investigación que do caso leva a cabo o inspector Leo Caldas (Carmelo Gómez). Podes ver o trailer aquí.

Tal como vén de anunciar o Concello de Cariño, os detalles da programación para este primeiro período son os seguintes:

– 12 marzo 20.00 h. A praia dos afogados.

– 2 abril 19.00 h. Meigallos.

– 23 abril 20.00 h. Os fenómenos.

– 7 maio 19.00 h. Maimiño e o espello máxico.

– 28 maio 20.00 h. Teito e comida.

– 11 xuño 19.00 h. A tropa de trapo na selva do arco da vella.

Tódalas proxeccións terán lugar no Auditorio Municipal coas entradas a un prezo de tres euros.

Por outra parte, o Concello vén de anunciar tamén a apertura da inscrición para os Obradoiros de envellecemento activo 2016, que pode realizarse na Casa do Concello entre as 9 e as 14 horas ou chamando ó 981 40 50 64. As actividades darán comezo o luns 14 de marzo. Podes ampliar a información aquí.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.