Cariño ingresa na rede Cinemas de Galicia

Share Button

O pasado venres 26 de febreiro o Alcalde de Cariño e o Concelleiro de Cultura, José Miguel Alonso e Jonathan Miranda respectivamente, participaron nunha reunión na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, para asinar o convenio de ingreso na rede Cinemas de Galicia. Ata entón dita rede estaba integrada unicamente por cinco concellos, ascendendo o número a dez neste ano 2016 trala incorporación de Allariz, Cariño, Cedeira, Celanova e O Grove. Na cita estiveron presentes o director de Agadic e o Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Román Rodríguez.

A rede Cinemas de Galicia pretende achegar o cine a localidades onde non existe este tipo de servizo na súa variedade comercial, sempre con entradas a prezos accesibles (3 €, condición obrigatoria o cobro para poder unirse á rede) e con bastantes filmes recentes. Xunta de Galicia e concellos asumen o pago de dereitos.

Os programadores de cada un dos dez concellos participantes terán que pechar os seus primeiros calendarios de proxeccións deste ano a partir dunha nova versión do catálogo confeccionado pola Agadic, que este ano conta cun total de 37 filmes: 29 producións con participación galega e oito destacados títulos do actual panorama cinematográfico español e europeo.

Entre os filmes galegos desta escolma atópanse 9 ondas, A viaxe dos Chévere, Arraianos, Costa da Morte, Encallados, O clube dos incomprendidos ou Torre de Breoghán. O cinema español e europeo está representado neste catálogo polas longametraxes Diplomacia, Loreak, Macbeth, O mundo segue, O noso último verán en Escocia, Phoenix, Rams (o val dos carneiros) e Teito e comida.

Podes ampliar a información sobre esta nova na web de Agadic.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.