Visita a Cariño do Presidente de Portos de Galicia

Share Button

En días pasados visitou Cariño o Presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, para coñecer de primeira man os danos causados polos últimos temporais nas instalacións portuarias e anunciar a súa reparación. O Presidente do mentado ente público plantexou a posibilidade de que os traballos podan levarse a cabo como unha obra de emerxencia, o que posibilitaría acortar os prazos administrativos e poder executala o antes posible se as condicións meteorolóxicas o permiten”. Na súa visita estivo acompañado polo Alcalde de Cariño, José Miguel Alonso Pumar, polo Patrón Maior da Cofradía de Pescadores, Carlos Pardo, e por varios membros da Corporación Municipal.

Portos de Galicia empregará máis de 150.000 euros na reparación dos danos, á espera de avaliar se se rexistraron algúns máis nas zonas somerxidas baixo as augas e que serán inspeccionadas por mergulladores cando as condicións do mar o permitan. José Juan Durán percorreu o dique de abrigo para comprobar a afección, tanto na zona exterior da escolleira como no remate do dique, onde foron removidos polo mar algúns elementos de protección desta infraestrutura.

O presidente de Portos de Galicia tamén visitou as obras do recinto protexido segundo o código internacional de Protección de Buques en Instalacións Portuarias (PBIP). Estas instalacións en peiraos comerciais (caso do de Cariño) deben cumprir unhas características específicas de seguridade á hora de recibir buques de terceiros países, como son o control dos accesos, persoal e videovixilancia, entre outras cuestións. O Presidente de Portos amosou a súa intención de realizar melloras tamén neste ámbito.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.