Semana decisiva para un goberno de cambio

Share Button

A semana que comeza este luns 22 de febreiro pode ser decisiva para a conformación dun goberno de cambio progresista en España. Nesta entrada queremos informar brevemente sobre a situación das negociacións e sobre os pasos que previsiblemente terán lugar ó longo da semana.

Este venres 19 o Secretario Xeral do PSOE e candidato á Presidencia, Pedro Sánchez, respostou afirmativamente á proposta do dirixente de IU Alberto Garzón para manter un diálogo a catro (PSOE, Unidad Popular-IU, Compromís e Podemos) para a conformación dun goberno de cambio. Ó mesmo tempo, o noso partido vén de facer público o documento Análisis de las coincidencias y discrepancias del Programa para un Gobierno progresista y reformista propuesto por el PSOE con el documento presentado por Podemos el 15 de febrero, que podes consultar aquí. Neste novo documento do PSOE lévase a cabo unha análise das medidas contidas no presentado o 15 de febreiro polo Grupo Parlamentario “Podemos-En comú podem-En marea”, atendendo á súa coincidencia ou discrepancia coas propostas programáticas do candidato á investidura, Pedro Sánchez, e máis especificamente coas presentadas no Programa para un Gobierno progresista y reformista que o partido vén negociando con varias forzas políticas no proceso para a formación dun Goberno que resposte ás expectativas de cambio expresadas polos cidadáns nas eleccións do 20 de decembro. Así pois, distínguense aquelas que amosan unha coincidencia substancial co programa presentado polo noso partido e aquelas que pola súa radical discrepancia coas propostas programáticas do PSOE non poderían ser admitidas en ningún caso.

Dende a Agrupación Socialista de Cariño queremos destacar os esforzos que está a realizar o partido non só para a conformación dun goberno de progreso, senón tamén para que este proceso de desenvolva de maneira transparente e participativa. De feito, as actividades conducentes a esta finalidade non só comprenden reunións entre as forzas políticas senón que tamén inclúen unha ampla axenda de reunións con colectivos e axentes sociais. Cómpre lembrar, a este respecto, que o partido ten habilitada unha páxina web que permite seguir día a día toda esta actividade. O acordo para a formación de Goberno, de producirse, será sometido a votación entre toda a militancia socialista.

Noutra orde de cousas, dende aquí queremos sumarnos ó pesar polo falecemento do escritor e profesor Umberto Eco, unha das grandes figuras intelectuais do noso tempo.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.