Resumo da sesión plenaria do 4 de marzo de 2016

Share Button

Facemos nesta entrada un breve resumo da sesión plenaria do Concello de Cariño que tivo lugar o venres 4 de marzo e que contou coa presenza de dez dos once edís que compoñen a corporación municipal. En dita sesión prodúxose a toma de posesión de Alberto Balado Ramonde como concelleiro do Partido Popular, en substitución de Montserrat Pérez Pena.

Trala aprobación da acta da sesión extraordinaria anterior, aprobouse a reforma da ordenanza fiscal para incluír a exención do pago do IBI do PAC-Centro de Saúde. Este acordo adoptouse a petición do SERGAS, como un paso máis para facer efectiva a transferencia do mantenemento do citado centro. Dito traspaso, que suporá ó Concello o aforro duns 30.000 euros anuais, está a executarse con notable retraso, xa que o convenio entre a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e a Xunta de Galicia asinouse en 2006, formando parte do Pacto Local.

No Pleno aprobouse tamén unha modificación puntual de crédito que afecta a dúas cousas ben diferentes: as depuradoras das parroquias e a contratación da Educadora Familiar. O primeiro asunto consiste na aportación municipal de 42.508 euros para os proxectos das depuradoras de Feás, Sismundi e Figueiroa. A Deputación achega 362.000 euros, polo que o investimento total supera os 400.000 euros. Despois de longas xestións, cuxo inicio remonta á anterior etapa socialista no Concello, a tramitación deste proxecto semella entrar na súa recta final. Tanto a Demarcación de Costas como a Xunta de Galicia informaron favorablemente nos últimos días, polo que a modificación de crédito era esencial para que as obras podan comezar canto antes. A modificación para a contratación da Educadora Familiar era un mero formalismo. Cambiouse de capítulo 2 (prestación de servizos, ou sexa, contratación mediante empresa) a capítulo 1 (contratación laboral directa mediante proceso selectivo). A Deputación solicita que se faga deste xeito, xa que achega o 100 % do importe da subvención, polo que as restricións do Estado non afectan e o Concello poderá contratar polo procedemento tradicional e non mediante empresas. A modificación aprobouse cos votos favorables de PSOE e PP, e as abstencións de BNG e AECA.

Por último, aprobouse por unanimidade o ingreso do Concello de Cariño como membro fundador da asociación que se vai a crear para a distribución dos Fondos Europeos do Rural (Leader) (dito doutro xeito, o ente que vai a substituír a Costa Noroeste). A novidade para o periodo 2014-2020 (entra con dous anos de retraso, na práctica será 2016-2022) é que amplíase o territorio de reparto (sumándose Eume a Ferrolterra e Ortegal), polo que seremos máis concellos e potenciais perceptores das axudas, de maneira que a ratio de euros/habitantes baixa.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.