A Semana Santa en Cariño. Actividades para tod@s

Share Button

Arranca a Semana Santa en Cariño cun amplo abano de actividades organizadas tanto polo Concello de Cariño como por diferentes colectivos culturais e deportivos do noso termo municipal.

O sábado 19 de marzo e o xoves 24, no Parque do Cobertizo ou, se o tempo non o permite, no Polideportivo Municipal, entre as 10 e as 14 horas, terá lugar unha gynkana deportiva aberta para tódolos públicos, con inchables, xogos, música, etc. Esta actividade, gratuíta, está organizada polo Concello.

O domingo 20 contaremos coa presenza de Peter Punk, un dos clowns e humoristas máis destacados e programados en Galicia nestes últimos anos. Gañador do Festiclown 2008, vén participando nas máis importantes citas de clown de todo o Estado (Euskadi, Madrid, Barcelona, Baleares…). Recentemente vén de visitar, co colectivo Pallas@s en Rebeldía, o campamento de refuxiados de Idomeni e de arrincar un sorriso @s nen@s alí acampados. Será ás 19 horas, no Auditorio Municipal, con entrada gratuíta. Organiza o Concello de Cariño.

Coa finalidade de conciliar a vida laboral e familiar, e seguindo as indicacións do II Plan de Igualdade aprobado recentemente polo Pleno Municipal, os días 21, 22, 23 e 28 celebrarase un Campamento Urbano de Conciliación no colexio. Neste campamento participarán 36 nen@s de entre 3 e 12 anos, realizando actividades de diversa índole como cociña creativa, manualidades, agricultura, contacontos, etc. Dito campamento terá continuidade nas vacacións de verán. Organiza o Concello de Cariño e ten un custe de 12€.

Organizado dende fai dez anos polo Clube Deportivo Cariño, o Torneo de Fútbol 8 está xa consolidado como unha cita fundamental da Semana Santa cariñesa. Preto de 4.000 persoas pasarán polo Campo Municipal durante os catro días que dura o torneo (do 24 ó 27 de marzo). Vinte equipos de toda Galicia disputarán o torneo nas categorías Prebenxamíns, Benxamíns, Alevíns, Infantís e Fútbol Femenino.

O venres 25, dende as 10 ata as 21 horas e organizado polo comercio local, terá lugar no Mercado Municipal o 7º Mercado de Oportunidades. Contará coa participación de 16 establecementos, que ofrecerán importantes descontos.

Xa pola noite, a partir das 21 horas no Auditorio Municipal, terá lugar un concerto da banda local Alviés. Organizado polo CEIP Manuel Fraga Iribarne, a recadación irá destinada a financiar a viaxe de fin de curso do alumnado de 6º curso.

O sábado 26, a partir das 21 horas, no Mercado Municipal, a Agrupación Folclórica San Xiao do Trebo organiza a II Foliada de Semana Santa coa actuación de Cantareiras Algarabía de Valdoviño, Son do Sor do Barqueiro, Reviravolta de Lugo, Andarivel de Ladrido e como anfitriona a banda local. Poderemos degustar, ó prezo de 5€, racións de xiba e lacón asado con patacas fritas.

Dende a Agrupación Socialista de Cariño queremos expresar o noso recoñecemento ó Concello de Cariño e ó resto de colectivos por este excelente programa de actividades, ó tempo que desexamos que a meteoroloxía permita desenvolvelo na súa totalidade. Desfruta destas datas.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.