Cambio de dirección no PSdeG: Valentín González gaña as primarias á Secretaría Xeral

Share Button

O noso partido atópase na actualidade nun ciclo congresual ordinario que normalmente ten lugar cada catro anos e que comprende tódalas escalas da organización en sentido decrecente. Así, a fin de semana do 15-17 de outubro tivo lugar o Congreso Federal en Valencia, no que Pedro Sánchez foi candidato único á Secretaría Xeral e que servíu para fortalecer a unidade do PSOE, contando coa presenza de tódolos secretarios xerais que precederon a Sánchez na actual etapa democrática (Felipe González, Joaquín Almunia e José Luis Rodríguez Zapatero) a excepción do finado Alfredo Pérez Rubalcaba, que recibíu unha emotiva homenaxe. Este ciclo congresual tivo un novo fito este sábado 30 de outubro coas primarias á Secretaría Xeral do PSdG, proceso orgánico que se completará os días 7-8 de decembro co Congreso Nacional Galego que terá lugar en Santiago de Compostela. A esta cita seguirán os congresos provinciais e locais, todavía en datas por determinar. Deste intenso ciclo de debate e renovación orgánica sairán os equipos cos que o partido, entre outras importantes tarefas, afrontará a preparación das vindeiras contendas electorais (o 2023 será un ano crucial a este respecto).

Nas eleccións primarias do pasado sábado concurriron dous candidatos: o actual Secretario Xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, e o Secretario Xeral Provincial, Presidente da Deputación da Coruña e Alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso. A xornada electoral estivo precedida dunha breve pero intensa campaña na que os dous compañeiros confrontaron os seus proxectos para o partido ó longo de toda a xeografía galega.

Valentín González alzouse cunha clara victoria nunha xornada na que 7423 militantes do PSdeG (o 72,92 % do censo) achegáronse a depositar os seus votos nas diferentes agrupacións. O candidato gañador obtivo 4436 apoios (un 58,70 %) mentres que Gonzalo Caballero acadou 2970 (un 40,21 %). Na Agrupación Socialista de Cariño a participación foi bastante elevada (un 88,23 % do censo), sendo tamén González Formoso o máis apoiado cun 60 % dos votos; Gonzalo Caballero obtivo un 33,3 % dos apoios, rexistrándose un 6,7 % de voto en branco.

Dende aquí queremos felicitar ó noso compañeiro Valentín polo excelente resultado e desexarlle sorte nesta nova etapa á fronte do PSdeG. É a primeira vez que o partido ten en Galicia un Secretario Xeral da comarca de Ferrolterra-Eume-Ortegal e dende a nosa Agrupación adiantamos o noso firme compromiso de apoialo e contribuír ó seu proxecto (como fixemos con tódolos anteriores secretarios xerais).

Ó mesmo tempo, queremos agradecer a Gonzalo Caballero e a todo o seu equipo o traballo realizado nestes últimos anos. Dirixir o PSdeG non é unha tarefa doada, como tampouco o é, en particular, competir electoralmente nuns comicios autonómicos cunha máquina ben engraxada como é o PP de Feijóo. Non temos dúbida de que o Secretario Xeral saínte deu o mellor de si nestes retos e o seu esforzo debe ser recoñecido, ó tempo que estamos seguros de que seguirá sendo unha figura moi importante no PSdeG.

Rematamos salientando o noso orgullo de pertencer a un partido que debate, confronta ideas en público e renova os seus liderados de maneira plenamente democrática, permitindo que a militancia se exprese mediante o seu voto nas distintas agrupacións distribuídas por todo o país. As outras forzas políticas non poden dicir o mesmo.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.