Na rúa o número 8 da revista Terras do Ortegal

Share Button

Hai varios acontecementos culturais que nos últimos anos se teñen convertido en habituais nos veráns da nosa comarca do Ortegal. Entre eles cómpre mentar, dende logo, a Mostra de Teatro Galego de Cariño, pero tamén sobresaen a publicación da revista Terras do Ortegal, editada pola asociación do mesmo nome, ou as xornadas Memoria dun Tempo, que organiza a Asociación Nordés no Barqueiro a finais de agosto.

Fiel á súa cita anual, un novo número de Terras do Ortegal, o oitavo, chegou en días pasados ás librerías da comarca. Esta nova entrega, con 16 artigos e 411 páxinas, mantén os sinais de identidade que foi consolidando dende a súa creación en 2014: un conxunto de interesantes artigos sobre temas históricos e culturais relacionados coa comarca, un dossier temático (adicado neste caso a Espasante, con seis traballos), reseñas de libros e revistas, breves biografías das persoas que colaboran, e boas fotos en portada e contraportada, cuxa autoría corresponde nesta ocasión a Mónica Méndez Aneiros.

Como en tódolos anteriores, Cariño está presente, de distintas maneiras, en varios dos traballos deste número da revista. O cariñés Xico Peña Villar, Xico de Cariño, ofrécenos unha contribución sobre a Iª Xira da Cultura Popular celebrada en Céltigos en 1978. Dito acontecemento tivo lugar nun momento de forte efervescencia cultural e reivindicativa, ben reflexada nas páxinas e fermosas fotografías do artigo. Foi froito da confluencia de varios rapaces de Céltigos cos membros do grupo cariñés Arrabaldo, que actuou como anfitrión desta xira popular. Aquela formación de Arrabaldo estaba integrada por Xico Peña, Manolo Galcerán, Hixinio Cabarcos e o noso compañeiro José Luis Armada, primeiro Alcalde de Cariño trala segregación. Por aquel escenario de Célticos pasaron nomes que xa entón eran recoñecidos no panorama musical e cultural galego: Pablo Quintana, Bernardino Graña, Suso Vaamonde ou o humorista Carlos Díaz, O Xestal. Ó final do artigo, o seu autor fálanos do proxecto de celebrar un acto conmemorativo daquel evento, incluíndo exposición fotográfica, mesa redonda e actuación musical dos participantes que aínda se manteñen en activo. Unha idea a ter en conta.

Un episodio moito máis triste é o que analiza Alfredo López Loureiro no seu artigo sobre a fuxida do Bamburria dende o porto de Espasante en outubro de 1936. É ben coñecido que Cariño e Espasante, cunha forte afiliación sindical (concretamente ó Sindicato de Industria Pesqueira, vencellado á CNT), sufriron con dureza a represión dende os primeiros días do alzamento franquista. Neste contexto producíuse a fuxida do boniteiro Arkale dende o porto cariñés na noite do 23 ó 24 de xullo dese ano. Este artigo analiza outra fuxida menos coñecida que se produce pouco despois dende o porto veciño e que ten como protagonistas ós irmáns Manuel e Alfredo López Rodríguez (avó do autor), Armando Sande Campos e Modesto Lamelas Martínez. O primeiro deles, Manuel López Rodríguez, era un destacado dirixente da CNT en Cariño que nos primeiros días de outubro decidíu trasladarse á casa do seu irmán Alfredo, O Pixín, residente en Espasante, para rematar de recuperarse das feridas que sufrira nos enfrontamentos producidos o 20 de xullo na nosa vila. A fuxida prodúcese na noite do 20 ó 21 de outubro e acarrexa represalias (detencións e interrogatorios) no porto de Espasante. O barco chega a Xixón o 21 de outubro e os seus catro tripulantes alístanse no exército republicano, correndo a partir de aí distinta sorte: Alfredo López foi fusilado en Ferrol o 12 de xullo de 1938, Manuel López e Modesto Lamelas botaron anos na cadea e Armando Sande foi o primeiro dos catro en falecer, ós 20 anos de idade en circunstancias pouco coñecidas. Manuel López saíu do cárcere en 1946 e pasou os seus últimos anos de vida en Cariño, sen conseguir superar as secuelas físicas e mentais que lle provocaron aqueles acontecementos. Dende aquí queremos trasladar a nosa felicitación e agradecemento a Alfredo López Loureiro por este importante e estremecedor traballo, por contarnos unha historia que merece ser coñecida.

Os primeiros anos do Instituto de Secundaria de Cariño son obxecto dunha moi interesante contribución de Constantino Chao, profesor do centro entre 1982 e 1993. Tamén compañeiro durante anos na Agrupación Socialista de Cariño, Chao rememora a intensa loita que deu lugar á creación do instituto e os seus ilusionantes primeiros anos de vida, no edificio construído sobre a Basteira. Actualmente xubilado, o autor exerceu a docencia despois de 1993 no instituto de Ortigueira e finalmente no seu Betanzos natal, pero a etapa cariñesa marcou profundamente a súa vida. Aínda que o artigo limítase á súa faceta docente, hai que lembrar que neses anos o noso compañeiro estivo moi implicado na política e na cultura locais, como membro da Asociación de Veciños San Bartolo de Cariño, concelleiro socialista da primeira corporación municipal ou director de diversos grupos de teatro. Segundo as súas propias palabras, deixou Cariño “…cunha íntima e agradable sensación de ter achegado o meu graíño de area á loita daquel humilde pobo de pescadores que, en menos de dez anos, pugnou por un instituto e por un concello propios e nas dúas lides saíu triunfante.

Debido á pandemia, o verán pasado non puido presentarse o número 7 de Terras do Ortegal en Cariño. Agardamos que este ano si sexa posible, coas debidas medidas de distanciamento.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.