Manifesto do PSOE no Día Internacional do Traballo

Share Button

Este 1º de maio, o segundo que vivimos neste contexto de pandemia mundial, queremos en primeiro lugar facer unha homenaxe a todos os traballadores e traballadoras que levan máis dun ano ao pé do canón fronte ao virus, formando parte deses servizos esenciais que estiveron funcionando sen descanso para que o resto da cidadanía puidésemos seguir coa nosa vida nas mellores condicións posibles.

Durante o ano 2020 estímase que a pandemia do coronavirus provocou a perda duns 255 millóns de empregos a nivel mundial, segundo datos da OIT, o que supón un impacto catro veces maior que o da crise financeira de 2009. Para este ano 2021 estímase que a caída podería estar ao redor de 130 millóns de empregos, aínda que o avance da vacinación mantén a esperanza de que a final de ano empece a haber signos visibles de recuperación. Ante este panorama, non podemos máis que compartir a petición que a Confederación Sindical Internacional está a facer aos Gobernos, para que fagan da creación de emprego un obxectivo central para garantir a recuperación. Así mesmo, coincidimos plenamente co manifestado pola OIT, respecto a que hai que facilitar “unha sólida recuperación de forma xeneralizada, que promova o emprego, os ingresos, os dereitos dos traballadores e o diálogo social, a fin de lograr unha recuperación centrada no ser humano”.

Protexer o emprego e os ingresos foron as dúas primeiras prioridades do Goberno cando comezou a pandemia. A figura dos ERTEs foi clave para lograr ambos os obxectivos, xunto coa prestación por cesamento de actividade para o colectivo das persoas traballadoras por conta propia e o resto de ampliacións de colectivos que se foron producindo a medida que se detectaba que había grupos que non quedaban amparados pola normativa: empregadas de fogar, traballadores fixos descontinuos, e aquelas persoas afectadas por unha paralización temporal da actividade, entre outros.

Tampouco podemos esquecer outras medidas que se integran dentro do chamado “escudo social”, como a posta en marcha do Ingreso Mínimo Vital, a paralización dos desafiuzamentos, a prórroga dos contratos de arrendamento, ou as moratorias para o pago de alugueiros cando os propietarios son grandes propietarios. Non hai dúbida de que durante todos estes meses toda a acción do Goberno foi dirixida a cumprir a máxima de que ninguén quede atrás.

Pero ademais, unha vez pasada a primeira onda e os momentos máis críticos da pandemia, non quixemos desaproveitar o tempo para poñer en marcha outras medidas moi importantes en canto aos dereitos dos e as traballadoras. Dous bos exemplos diso son, por unha banda, a aprobación do Real Decreto 28/2020 de traballo a distancia, co que por fin se regulan formalmente os dereitos das persoas que fan teletraballo, fórmula que se estendeu de forma masiva por mor da pandemia; por outro, a derrogación do artigo 315.3 do Código penal, que criminalizaba o dereito a folga, tratando de disuadir á cidadanía de exercer este dereito fundamental e, en consecuencia, a súa liberdade sindical.

Hai un ano afrontabamos o 1º de maio con incerteza ante o futuro, aínda coa perspectiva da vacina para o coronavirus como algo afastado e apuntando a que a solución a esta crise só podía vir dunha resposta coordinada a nivel europeo. Hoxe afrontamos esta data con esperanza, en pleno proceso de vacinación e coa oportunidade que supoñen os fondos Next Generation EU para relanzar a nosa economía. O Plan para a Recuperación, Transformación e Resiliencia vai supoñer para o noso país recibir un montante de 140.000 millóns de euros entre transferencias e créditos no período 2021- 2026, o que supón a maior oportunidade investidora para España desde a súa entrada na Unión Europea, co fin non só de impulsar a recuperación pola crise do covid, senón sobre todo de transformar o noso modelo produtivo.

Un dos obxectivos incluídos dentro do Plan de Recuperación é o de lograr impulsar a capacidade de crear empregos de calidade. Neste sentido tanto a compoñente 21, que supón impulsar a Formación Profesional, como a compoñente 23, que leva por título “Novas políticas públicas para un mercado de traballo dinámico, resiliente e inclusivo” delimitan como conseguilo, cun investimento aparellado de 2.076 e 2.363 millóns de euros, respectivamente. Esta reforma vai orientada a reducir o desemprego estrutural e o paro xuvenil, corrixir a dualidade, mellorar o capital humano, modernizar a negociación colectiva e impulsar as políticas activas de emprego. Obxectivos todos eles que os socialistas levamos anos defendendo, especialmente desde a entrada en vigor da reforma laboral aprobada polo goberno do Partido Popular.

Todas estas reformas han de ser debatidas no marco do diálogo social, como o foron as diferentes medidas que se foron implantando no ámbito laboral desde que comezou a pandemia. Os e as socialistas sempre demostramos o máximo respecto que temos a este instrumento de negociación, que é clave para o éxito da implantación de medidas, como así o demostran os últimos acordos conseguidos: desde o Acordo para a Reactivación da Economía e o Emprego, subscrito no mes de xullo de 2020, ata os diferentes Acordos Sociais en Defensa do Emprego, que foron estendendo e prorrogando a fórmula dos ERTEs, entre outras medidas. A reactivación da Mesa de Diálogo Social para derrogar os aspectos lesivos da reforma laboral de 2012 supón unha nova oportunidade para demostrar o valor do diálogo social, nun momento no que hai que poñer as bases para que o noso mercado laboral sexa capaz de responder os retos actuais – desequilibrios do mercado traballo que en última instancia xeran desigualdade, precariedade e pobreza laboral -, e aos de futuro, como a dixitalización e a sustentabilidade. VIVA O 1º DE MAIO!

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.