Pensar dende a esquerda: Rubalcaba

Share Button

Alfredo Pérez Rubalcaba faleceu o 10 de maio de 2019 a consecuencia dun ictus que sufríu dous días antes. En tempos nos que a clase política está bastante cuestionada, este triste acontecemento desatou unha espontánea e multitudinaria reacción cívica de recoñecemento a unha dilatada traxectoria de servizo público e compromiso co ideario socialista.

Coa lembranza deses días comeza Rubalcaba. Un político de verdad, unha biografía escrita por Antonio Caño e publicada por Plaza & Janés hai escasas semanas. O seu autor é un xornalista con experiencia e vencellado durante boa parte da súa vida profesional a El País, cabeceira que dirixíu entre 2014 e 2018 tras ocupar diversos postos na mesma.

O libro de Antonio Caño, escrito dende unha clara proximidade ideolóxica e incluso afectiva co biografado, repasa o itinerario vital de Rubalcaba dende a súa infancia ata os seus últimos avatares vitais como profesor de Química na Universidad Complutense de Madrid e membro do Comité Editorial de El País, prestando, como é lóxico, especial atención á súa traxectoria política.

Químico de formación, Rubalcaba é o político socialista que máis tempo ocupou o cargo de ministro. Foi, ademais, unha figura chave nos últimos anos dos gobernos de Felipe González (Ministro de Educación e Ciencia, 1992-93; Ministro da Presidencia, 1993-96; Voceiro do Goberno, 1993-96) e nos oito anos da presidencia de José Luis Rodríguez Zapatero (Voceiro socialista no Congreso, 2004-06; Ministro do Interior, 2006-11; Voceiro do Goberno, 2010-11; Vicepresidente primeiro do Goberno, 2010-11). O libro dedica maior atención a estes oito anos e, sobre todo, ó crucial papel desempeñado por este insigne socialista no final da organización terrorista ETA. Sen embargo, tamén están presentes no libro os seus inicios na política e como servidor público, faceta que arranca co seu nomeamento como Director do Gabinete Técnico da Secretaría de Estado de Universidades e Investigación (1982-1985), ocupada neses tempos por Carmina Virgili, primeira muller en obter unha cátedra de Xeoloxía na universidade española. Co apoio de figuras como José María Maravall e Javier Solana, colaboradores de referencia de Felipe González, Rubalcaba adquire experiencia no ámbito da política educativa e pasa a convertirse, na primeira década dos 90 e nun contexto particularmente difícil, nunha figura fundamental nos últimos gobernos de González.

O libro de Caño ocúpase tamén dos últimos anos na vida política do noso protagonista. No curso dunha durísima crise económica de carácter mundial, amosa novamente o seu compromiso co PSOE aceptando ser candidato nas eleccións xerais de 2011, nas que o partido encamiñábase a unha derrota segura. A dixestión desta derrota deu lugar a uns anos especialmente duros para o socialismo español, que vivíu a confrontación entre o propio Rubalcaba e Carme Chacón no congreso de 2012, a irrupción de Podemos e a posterior confrontación entre Eduardo Madina e Pedro Sánchez primeiro, e entre Pedro Sánchez e Susana Díaz despois, tras un dramático Comité Federal que supuxo a destitución do Secretario Xeral e a designación dunha xestora presidida por Javier Fernández. En todos estes acontecementos estivo tamén presente o noso protagonista, con frecuencia no que resultaría ser o bando perdedor. Na súa última etapa política, como Secretario Xeral e líder da oposición, Rubalcaba tivo que afrontar importantes desafíos como a crise territorial en Cataluña e a abdicación do monarca, que tamén teñen cabida no libro.

Pérez Rubalcaba nunca tivo unha especial sintonía con Pedro Sánchez, o que, a xuízo do autor desta biografía, remataría sendo prexudicial para o PSOE e para España. En 2014 Rubalcaba abandonou a política activa, recuperando en setembro dese ano o seu posto de Profesor de Química na Universidad Complutense. Porén, seguíu presente na política do partido e ingresou no Comité Editorial de El País, quizais o último órgano de discusión política no que estivo presente de maneira activa.

Aínda que non inclúe referencias bibliográficas nin aparato crítico, o libro de Antonio Caño é froito dunha intensa investigación. Unha fonte de información de primeira importancia son as entrevistas cun amplo número de dirixentes socialistas e, en particular, con aquelas persoas que estiveron máis próximas a Rubalcaba nas diferentes etapas da súa traxectoria (José Enrique Serrano, Goyo Martínez, Elena Valenciano, Ignacio Varela, Juan Moscoso…). Nos aspectos máis personais é importante a contribución de Pilar Goya, parella do biografado dende que coincidiron na facultade como estudantes de Químicas e Profesora de Investigación do CSIC. O libro preséntase nunha coidada edición que inclúe un prego de fotografías a cor na parte central. Unha boa lectura para estas datas.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.