Eleccións xerais 26X: resultados e reflexións

Share Button

Como facemos habitualmente trala celebración duns comicios electorais, neste caso as eleccións xerais deste 26 de xuño, dedicamos esta entrada a presentar os resultados e ofrecer unha breve reflexión sobre os mesmos.

En Cariño, e como podes ver no gráfico adxunto procedente da web do xornal El País, o Partido Popular foi a forza maioritaria colleitando 917 votos, seguido do PSOE con 588 votos. A coalición En Marea (Podemos, A Nova e EU-IU, entre outras forzas) quedou en terceiro lugar con 472 votos. Ciudadanos foi a cuarta forza (148 votos) e o BNG quedou en quinto lugar con 50. Ningún outro partido superou os 20 votos, aínda que o Partido contra o Maltrato Animal (PACMA) obtivo 16. Se comparamos os resultados cos das eleccións xerais do pasado 20 de decembro, o PP sube 39 votos mentres que as outras forzas principais descenden en maior ou menor medida (o PSOE 21 votos, En Marea 99, Ciudadanos 8 e o BNG 42). Sen embargo, a pesar deste lixeiro descenso en votos, o noso partido incrementa a súa porcentaxe nestes comicios, pasando do 25’63 % ó 26’39 % en parte debido ó significativo descenso de En Marea e BNG.

É xusto recoñecer a victoria do Partido Popular tanto a nivel local como autonómico e estatal. No caso de Cariño, confírmase que este partido obtén os seus peores resultados nas eleccións municipais, mellorando nos comicios autonómicos, estatais ou europeos. En todo caso, e pese a terse reducido as diferenzas, o voto de esquerda segue sendo maioritario en Cariño. A suma das tres forzas situadas no espectro ideolóxico da esquerda (PSOE, En Marea e BNG) ascende a 1110 votos, mentres que os dous partidos de centro e dereita (Ciudadanos e PP) suman 1065 votos. Dende a Agrupación Socialista de Cariño queremos transmitir un agradecemento moi especial ás 588 persoas que depositaron a súa confianza no noso partido.

Se analizamos as porcentaxes, como vén sendo habitual o PSOE obtén en Cariño unha das mellores porcentaxes de voto (26’39 %) das comarcas de Ferrolterra-Eume-Ortegal, só superada por A Capela (35’25 %), Monfero (31’38 %), As Pontes (29’28 %) e Cerdido (27’65 %). A porcentaxe de voto socialista en Cariño supera tamén claramente á obtida polo noso partido a nivel estatal (22’66 %), autonómico (22’25 %) e provincial (21’8 %).

A nivel xeral, os resultados destas eleccións son negativos e obrigan ó noso partido en particular e á esquerda en xeral a unha profunda reflexión. Por un lado, Podemos e IU deben facer unha seria autocrítica en torno ás actitudes personalistas, frívolas e desleais que boicotearon un goberno de cambio tralas eleccións do 20 de decembro e rematan levándonos a un novo goberno da dereita. Pola súa parte, o PSOE debe analizar as causas dun ciclo de retroceso electoral que nestas últimas eleccións acadou un novo chan, así como buscar a maneira de revertilo. Cómpre un cambio de rumbo e o ciclo congresual que está a piques de abrirse, que levará a elexir novas direccións federal, autonómicas, provinciais e locais, é o mellor momento para inicialo.

Aínda tendo en conta este negativo escenario, os resultados electorais ofrecen tamén algúns motivos para a esperanza. En primeiro lugar, o noso partido resistíu razonablemente ben unha durísima campaña de acoso mediático e político co obxectivo de convertilo en terceira forza política. Medios e empresas de opinión inflaron durante semanas a falacia do sorpasso, que finalmente só servíu para polarizar a campaña e sumarlle 14 escanos ó PP, mentres que Unidos Podemos, lonxe de medrar, perdeu máis dun millón de votos. Como soe lembrar o politólogo Ramón Cotarelo, o PSOE non é o PASOK, ten 137 anos de historia e ningún recén chegado vai a borralo do mapa.

En segundo lugar, o PSdeG-PSOE recuperou a condición de segunda forza política en Galicia, posición que nas anteriores eleccións ocupou En Marea. Sen ánimo de caer en ridículos triunfalismos, é un paso adiante para desputarlle a presidencia a Feijóo nas vindeiras autonómicas.

Por último, pero non menos importante, o noso compañeiro ferrolán Ángel Mato resultou elexido senador pola provincia, arrebatándolle o posto a En Marea. Dende aquí queremos transmitirlle a nosa rotunda felicitación, así como expresar a convicción de que fará un excelente papel en beneficio de toda a provincia e por suposto de Cariño, concello ó que se sinte vencellado ó ter traballado durante uns anos na nosa localidade.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.