Coñecer o noso: cariñeses na peregrinaxe galeguista a Teixido en 1927

Share Button

Hai uns meses fixémonos eco nesta web da concesión do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio, na súa edición de 2015, ós investigadores Santiago Lamas e Alfonso Mato polo seu traballo De camiños, viaxeiros e camiñantes. Peregrinos de Nós ao cabo do mundo, así como da súa anunciada publicación a cargo da editorial Galaxia.

O libro rematouse de imprimir a finais de abril e leva semanas á venda. Como quizais lembrarás, o asunto que analiza é a peregrinaxe que no ano 1927 fixeron dende a cidade de Ourense a San Andrés de Teixido os intelectuais galeguistas Ramón Otero Pedrayo, Vicente Risco e Xosé Ramón Fernandez-Oxea, máis coñecido como Ben-Cho-Shey. Alén da súa relevancia para a historia cultural de Galicia, dende una perspectiva local o episodio interésanos por dúas razóns: por un lado, a idea da peregrinaxe parte de Ben-Cho-Shey, que pouco tempo antes exercera como mestre en Cariño; por outro, e derivado do anterior, na súa última etapa os ilustres peregrinos foron acompañados por dous cariñeses, Pancho Pita e o médico Alejandro Carreño.

Este novo libro vai bastante máis alá deste episodio puntual da peregrinaxe e constitúe unha reflexión “sobre o significado cultural das viaxes, sobre a relación entre camiño e literatura, movemento e lectura”. De feito, o episodio ó que nos referimos trátase principalmente no primeiro capítulo, que ocupa as páxinas 9-25 e leva por título Tres camiñantes, unha viaxe e un libro. No mesmo danse detalles do itinerario seguido, do que supuxo a peregrinaxe na traxectoria intelectual dos seus protagonistas e das publicacións ás que deu lugar (con especial referencia ó libro Pelegrinaxes I, de Otero Pedrayo). Laméntase, asemade, que non coñezamos o paradoiro actual das fotografías tiradas por Ben-Cho-Shey coa súa cámara Kodak, coa excepción das dúas nas que aparecen precisamente cos amigos cariñeses e co crego de San Andrés e dunha terceira de Risco tomando apuntamentos sobre un cruceiro.

No resto do libro analízanse asuntos moi diversos, como o contexto histórico no que se enmarca a peregrinaxe, en plena dictadura de Primo de Rivera, outras peregrinaxes ilustres a Teixido ou a importancia do mapa de Fontán, que servíu de guía ós intelectuais galeguistas no seu percorrido. É unha verdadeira mágoa que o libro non profundice noutros aspectos que son hoxe máis coñecidos do que nesta obra se reflexa, como a etapa docente de Ben-Cho-Shey en Cariño ou a figura de Pancho Pita, membro da familia Pita Armada, cuxa tráxica historia vital ten sido novelada por Hixinio Puentes, contada noutro libro autobiográfico polo seu irmán José Pita e estudada por investigadores como Eliseo Fernández, Dionisio Pereira ou Xosé Manuel Suárez. En calquera caso, temos que saudar moi positivamente a publicación deste libro, que lembra, unha vez máis, o papel do noso Concello e da nosa comarca na historia cultural e intelectual de Galicia.

Os autores do libro acreditan unha longa traxectoria ensaística e investigadora que avala a calidade e rigor dos seus contidos. O psiquiatra Santiago Lamas (Pontevedra, 1944) foi Premio Fernández del Riego de xornalismo en 2008 e ten publicados, entre outros libros, Notas para una teoría de la realidad (1988), Ferrín e outras historias (2007) ou Fisterras atlánticas (2012). Pola súa parte, o historiador e documentalista Alfonso Mato (Ribadavia, 1956) traballou no Instituto Galego de Información baixo a dirección de Díaz Pardo e na súa produción investigadora destaca o libro O Seminario de Estudos Galegos (2001).

Coincidindo coa publicación deste novo libro, o capítulo da peregrinaxe galeguista a Teixido de 1927 acaba de dar lugar a un filme-documental que está a ser presentado estes días.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.