Ampliación da zona de aparcamento en Vixía Herbeira

Share Button

Tal como vén de anunciar o Concello de Cariño, nestes momentos estanse a realizar as obras para habilitar un amplo aparcadoiro na área de Vixía Herbeira. Os traballos son posibles grazas a un acordo entre a administración municipal e a Asociación de Montes Nosa Sra. da Pedra para a cesión de máis de 2.000 m2 de pastizal no cumio de Herbeira.

A obra está en parte relacionada cos requerimentos establecidos por La Vuelta 2016 para albergar todas as infraestruturas de meta da etapa que o día 23 de agosto rematará no alto de Herbeira, xa no noso termo municipal. Concello de Cariño e Deputación da Coruña acordaron que esta última entidade elaborase un proxecto para a creación desta nova área de estacionamento, sufragando tamén os traballos. As obras comezaron o pasado 18 de xullo e teñen un prazo estimado de execución de tres semanas.

Como sinalan dende o Concello na súa páxina de Facebook, “logo do paso de La Vuelta 2016 pola nosa comarca, Herbeira contará cun amplo aparcadoiro para o estacionamento de vehículos e autocares, o que xunto coas obras de mellora na estrada DP 2205 Cariño-San Andrés de Teixido facilitará unha maior e máis sinxela conexión turística entre o santuario e cabo Ortegal.

O Goberno Municipal agradece a colaboración e boa predisposición ó diálogo de gandeiros e asociacións de montes de A Pedra e Landoi (quenes tamén tiñan ofrecido as súas terras para tal fin), así como a axuda loxística e económica prestada pola Deputación da Coruña.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.