25 anos de independencia municipal: discurso de José Luis Armada Castro

Share Button

Continuamos coa publicación de entradas relacionadas co acto que celebramos o sábado 2 de marzo no Auditorio Municipal, en conmemoración do 25 aniversario da Segregación. Tralo discurso que pronunciou a Secretaria Xeral da Agrupación Socialista de Cariño, Ana Fachal Fraguela (que tamén podes ler nesta web), foi o turno do noso compañeiro José Luis Armada Castro, en calidade de Presidente da Asociación de Veciños San Bartolo (1982-1988) e primeiro Alcalde de Cariño (1988-1995 e 2003-2011). Aquí tes a súa intervención.

Este ano cumplimos o 25 aniversario da creación do Concello de Cariño. Atrais quedaron outros 6 de traballo intenso realizado pola Asociación de Veciños San Bartolo, promotora do proceso de segregación. Foi no ano 1982 cando asumín a presidencia desta asociación, que 6 anos máis tarde, logo dun intenso traballo, conqueríu a tan ansiada segregación para constituirnos en concello propio.

Os logros e a mellora na calidade de vida da cidadanía cariñesa dende a creación do concello saltan á vista. Nestes 25 anos, un curto periodo de tempo para ver en perspectiva histórica o cambio realizado, podemos constatar que temos cubertas case tódalas demandas en infraestructuras e servizos.

Como xa fixemos constar en varios textos difundidos en anteriores ocasións: “A Segregación foi unha boa decisión”. Esta afirmación creo que a compartimos a maioría das persoas que vivimos neste Concello.

Aínda teño na retina o aspecto que tiña o noso pobo nas datas anteriores á segregación. A fachada marítima degradada e con morca; a praia ocupada con escombro e todo tipo de verquidos incontrolados, que daban un aspecto nefasto e impedían o seu uso para baño e lecer; o río Cheirón; ou o verquedoiro na estrada de acceso ó Cabo Ortegal, co lixo das nosas casas que tiraban pola ribeira ó mar. Nada que ver coa actual fachada marítima totalmente recuperada, na que a construcción do paseo foi a actuación principal.

A marxinación á que nos tiña sometidos o poder do Concello de Ortigueira era de tal magnitude que nos anos 80 Cariño carecía dos servizos municipais básicos para un normal desenvolvemento.

Na miña opinión, foi esta conciencia de vivir sistematicamente marxinados o que nos uníu a varios veciños e veciñas nesta causa común, que non foi outra que a loita pola consecución dun concello propio.

O feito de que a directiva da asociación fora tan plural e permanentemente aberta a calquera incorporación que sumara enerxía a este proceso, entendo que foi motivado polo sentimento que tiñamos de rebeldía hacia a política tan perversa e antisocial que, de forma sistemática, practicaban os mandatarios orteganos hacia Cariño. Creo que foi ese o motivo de que estivéramos tan unidos e de que quedaran sempre nun segundo plano as discrepancias puntuais que son inevitables en calquer grupo de traballo.

Considero unha boa iniciativa que a Agrupación Socialista de Cariño –da que son membro- exprese publicamente a sua gratitude ás persoas que de forma desinteresada fixemos posible este logro tan importante para o conxunto da cidadanía cariñesa. Adicamos a este proceso moitas horas durante demasiado tempo e, por conseguinte, tamén foi moito o tempo que se lle quitou ó traballo, ocio e responsabilidades familiares. Polo tanto, o recoñecemento de hoxe a ese esforzo colectivo resulta máis que pertinente.

Quero expresar un recoñecemento especial a dous compañeiros que hoxe só están con nós na memoria, Manolo Pernas e Pancho Pita, ambos amigos e compañeiros inseparables, comprometidos durante moito tempo, como todos sabedes, na loita polo desenvolvemento de Cariño e a súa xente, antes e despois da Segregación.

Non coñezo ningún caso no que sexa tan evidente o abuso de poder dunha administración para impedir o desenvolvemento ó que tiñamos dereito como cidadáns libres en democracia. O peso que exercía esa lousa administrativa sobre todos nós quedou en evidencia cando nos segregamos.

Para moitos observadores resultáballes incrible a transformación que se percibía ano tras ano unha vez conseguida a segregación. Xa na primeira lexislatura  establecimos un plan de infraestructuras básicas que abarcaba as 5 parroquias do novo municipio e paulatinamente, presuposto tras presuposto, foise montando o que é hoxe o noso Concello.

Pasamos da nada a montar nas parroquias traídas, tratamento e embalses de auga potable; alumeado público; alcantarillado; recollida do lixo e instalacións deportivas e culturais. Asfaltáronse e abríronse novas estradas e pistas facilitando enormemente a acesibilidade.

Na capitalidade do Concello, en Cariño, recuperouse a fachada marítima, recuperáronse espazos públicos coa construcción do paseo marítimo e realizouse o saneamento integral que nos permitíu recuperar a praia para o baño.

Seguramente a maioría das cousas que desfrutamos hoxe non serían realidade se non tivésemos conseguido a segregación: infraestructuras como o novo instituto, campo de futbol, polideportivo, piscina, auditorio municipal e biblioteca, casa do concello, estación depuradora, ampliación da estrada Mera-Cariño con beirarrúas nas parroquias, centro social de maiores, a residencia e o centro de día a piques de rematar, e un longo etc.

Pasamos dunha carretilla que tiña o barrendeiro antes da segregación a un parque móvil máis que suficiente. Hoxe o Concello de Cariño conta xa co seu terceiro camión do lixo, tractor desbrozador novo, barredora, camión de incendios, pala con retro e martelo hidráulico, e varios vehículos para a policía, protección civil e servizos varios.

Tampouco teríamos centro de saúde, nen servizo de urxencias nocturno e menos aínda ambulancia do 061. Podería continuar co servizo de axuda a domicilio ou da dependencia, ou con outros servizos que prestan as traballadoras e traballadores sociais.

A Segregación non pode ser nunca un fin en si mesmo. Debemos manter unha permanente actitude de vixilancia para que non se produzan retrocesos que teñamos que lamentar.

Podemos seguir avanzando ou tamén podemos retroceder. Dependerá, entre outras cousas, de se temos un goberno municipal comprometido, traballador e con determinación para afrontar os retos que plantexan os tempos que nos tocan vivir.

Basta mirar o tratamento que a Xunta de Galicia lle da a Cariño e ó conxunto da península do Ortegal nas Directrices de Ordenación do Territorio e no Plan de Ordenación do Litoral para constatar determinadas intencións que lamentablemente xa non nos sorprenden porque son reiterativas.

Por esta razón, considero un tema prioritario o seguemento do recurso que presentamos o goberno municipal anterior contra esas Directrices de Ordenación do Territorio da Xunta –que mellor lles podiamos chamar de desordenación- que deixan a Cariño nunha situación complicada a medio e longo prazo. Presentamos no seu día alegacións a este documento e non foron tidas en conta por parte da Xunta.

Hai outros perigos consustanciais ós tempos que nos tocan vivir. A crise dos nosos sectores productivos tradicionais, o envellecemento e a crise demográfica que afectan a todo o territorio galego, fan tamén moi necesario acertar coas políticas municipais para que Cariño sexa un Concello con futuro, do que todos poidamos sentirnos orgullosos. Corresponde agora á xente máis nova comprometerse e traballar con acerto en favor do ben común, e demostrar que retos históricos como o que nos marcamos a directiva da Asociación de Veciños San Bartolo seguen sendo posibles. O mundo que nos está tocando vivir é difícil, pero eu teño plena confianza no capital humano das cinco parroquias deste Concello.

Para rematar, quero agradecer á Agrupación Socialista de Cariño a invitación a este acto que me permite un reencontro cos compañeiros que formamos parte desa Asociación de Veciños na que, creo, fixemos un traballo que manifestou unha das facetas máis nobles do ser humano, que non é outra que a de loitar por unha causa xusta sen esperar nada a cambio.

Gracias e boa tarde.

    

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.