Actualidade municipal e comarcal: motivos para a esperanza

Share Button

O noso concello leva días merecendo a atención dos medios de comunicación por noticias diversas, boa parte das cales resultan esperanzadoras.

La Voz de Galicia vén de publicar que o Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente ten previsto prolongar a senda do Cantábrico ata Cariño. O coñecido como Camino Natural Ruta del Cantábrico vai a ser prolongado dende O Barqueiro ata Ladrido para continuarse posteriormente dende esta parroquia ortigueiresa ata o noso Concello, segundo confirmou o xefe da Demarcación de Costas de Galicia, Rafael Eimil, ó Alcalde cariñés José Miguel Alonso Pumar. Este último aproveitou o encontro para solicitar o remate da senda que leva ó Cabo Ortegal, acondicionando o tramo intermedio entre a ermida de San Xiao e a senda habilitada pola Autoridade Portuaria no último tramo da estrada que conduce ó faro. Alonso Pumar agradeceu a boa disposición amosada por Eimil, que asumíu tamén o compromiso de mellorar o aparcamento da praia de Fornos, facilitar a creación de observatorios ornitolóxicos na ría e revisar as pasarelas de madeira do paseo marítimo e as vigas do cobertizo.

Noutra orde de cousas, en días pasados tivo lugar en Celeiro unha reunión promovida polo Grupo de Acción Costeira (GAC) A Mariña-Ortegal para definir a estratexia de traballo ata o ano 2020, dentro do programa do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca. Do encontro, no que participaron profesionais de distintos ámbitos, saíron propostas como a creación dunha plataforma dixital para comercializar produtos do mar. Segundo informa tamén La Voz de Galicia, na mesa de traballo dedicada á economía da pesca plantexáronse igualmente iniciativas de formación para os xóvenes, a sinatura de convenios con centros de hostalería ou de investigación ou a creación de premios para distinguir proxectos de rehabilitación de espazos que afonden na imaxe de vilas mariñeiras. Abordouse asemade a posibilidade de encetar diversas iniciativas relacionadas co patrimonio cultural material e inmaterial relacionado co mundo do mar.

Estes plans de futuro coinciden coa boa noticia, divulgada hoxe polos medios, de que Portos de Galicia acepta unha quita do 50 % da débeda da Cofradía de Pescadores de Cariño. O acordo, admitido polo Xulgado do Mercantil número 1 de A Coruña, fixa dous anos de carencia e outros dez para devolver uns 220.000 euros, o que asegura a viabilidade da entidade segundo vén de manifestar o seu máximo responsable. O Patrón Maior, Carlos Pardo, fixo na prensa –dentro da obrigada prudencia- unha previsión optimista sobre o futuro da Cofradía.

Este domingo, 11 de outubro, emítese en Cuatro, ás nove e media da noite, o programa gravado este verán polo reporteiro Jesús Calleja nos cantís do Ortegal (a foto que acompaña a esta entrada provén da edición dixital de La Voz de Galicia). Un programa que sen dúbida contribuirá á promoción turística da nosa comarca e dos seus produtos do mar.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.