Teatro e memoria histórica: actividade cultural de agosto en Cariño e O Barqueiro

Share Button

altO Auditorio Municipal de Cariño acolle a partir de hoxe, luns 18 de agosto, a XXXVI Mostra do Teatro Galego, unha das máis senlleiras de toda a nosa xeografía. Como é habitual dende hai anos, a organización corresponde ó Concello de Cariño, que conta coa colaboración da Deputación Provincial. Animámosche a desfrutar desta cita que constitúe un clásico do mes de agosto no noso Concello. A programación deste ano organízase en torno a funcións de teatro infantil ás 12 da mañá e funcións de noite ás 22 horas.

Comezando polas funcións de teatro infantil, hoxe a compañía Baobab Teatro puxo en escena Fíos. Mañá, martes 19, a mesma compañía levará a escena a obra Babs. O mércores 20 de agosto será a compañía Trompicallo Teatro quen represente O día que chegou a nuve a choveu, esta vez na sala de prensa e exposicións da Casa de Cultura. Novamente Trompicallo Teatro actuará o xoves 21 coa obra Osiño. A última das obras de teatro infantil é Nam!, da compañía Caramuxo Teatro, o venres 22.

En canto ás funcións de noite, sempre ás 22 horas, hoxe luns abre a programación a obra As do peixe, da compañía Abrapalabra Creacións Escénicas. O martes 19 chega o turno de Amor flexible, a cargo de Redrum Teatro. A función do mércores 20 porá sobre o escenario Go on, da compañía Malasombra. A mesma compañía voltará a actuar o xoves 21 coa obra Mision Sapiens. Por último, o venres 22 de agosto a obra Snakizados, de Áncora Producións, porá fin á mostra deste ano.

Outra cita cultural moi recomendable que se celebra estes días de agosto terá lugar no veciño porto de O Barqueiro entre o xoves 21 e o sábado 23 de agosto. Trátase das IV Xornadas Memoria dun Tempo, organizadas pola dinámica asociación Nordés. Ó abeiro do Centenario da I Guerra Mundial, ás 20:30 horas do xoves 21 as xornadas ábrense coa conferencia O Congreso Internacional da Paz de Ferrol (1915), a cargo de Eliseo Fernández, historiador e Presidente do Ateneo de Ferrol. Será no Salón de Actos da Casa do Concello de Mañón.

O venres 22, no mesmo lugar e hora, as xornadas centraranse no tema A guerrilla antifranquista: da esperanza ó desespero e contarán coa conferencia O comezo do fin da resistencia armada. A loita polo control da guerrilla do Noroeste, coa proxección do documental A cidade da selva (Helena Villares e Pilar Faxil) e o epílogo A fuxida pola praia da Abrela (O Vicedo). Estas actividades contarán coa presenza do historiador Alejandro Rodríguez Gutiérrez.

O sábado 23 conta cunha intensa programación que arranca cun roteiro didáctico que ten como punto de saída e chegada a Escola restaurada da Unión Mañonesa, guiado polo filólogo Bernardo Penabade e a historiadora da arte Diana M. Rodríguez, coa colaboración de Sixto Gómez Echemendia, filólogo e experto no asociacionismo da emigración. O historiador Juan Carlos Salgado encargarase de pronunciar a conferencia Pescando en augas turbulentas: pesqueiros galegos nas guerras do século XX, ás 20 horas na Casa do Concello de Mañón. Ás 22 horas celébrase unha cea de irmandade no restaurante Relojes, a un prezo de 15 euros por persoa, precisándose inscrición previa nos días anteriores das xornadas ou chamando ó número 653 756 454 (Ricardo). Por último, a partir das 24 horas o Bar Queiro acollerá o recital Cancións para un tempo de loita, a cargo do músico e cantautor Andrés Rodríguez.

Nordés é un colectivo cultural xurdido a comezos de 2013 no Barqueiro que vén realizando un intenso e meritorio traballo en ámbitos como a historia, a arqueoloxía ou a protección do medio natural. Dende agosto do ano pasado ocúpanse da organización destas xornadas que, co título Memoria dun Tempo, persiguen a recuperación da memoria histórica, das loitas obreiras e das persoas represaliadas. As xornadas contaban xa con dúas edicións anteriores, organizadas polas mesmas persoas que crearon a asociación. Dende aquí queremos expresarlles o noso recoñecemento e felicitalos polo excelente programa deste ano.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.