Goberno municipal cariñés: outro verán de despropósitos

Share Button

altA foto que reproducimos nesta entrada foi colgada hai uns días en Facebook. Un panel informativo destrozado en pleno paseo marítimo ten fixado un cartel que recomenda non bañarse na praia da Concha.

É unha máis das queixas que estes días profileran nas redes sociais. Unha cidadanía farta que protesta pola sucidade nas rúas e nas praias; que reclama unha información clara sobre a salubridade na praia da Concha; que con indignación ve medrar a herba e os matorrais nunhas beirarrúas en lamentable estado; que non entende que A Miranda -un dos puntos de maior potencial turístico do noso Concello- se atope practicamente inaccesible; que xa está afeita a non ver ningunha representación do goberno municipal en actos e eventos sociais; e que, en definitiva, négase a asumir que o noso Concello amose un estado de abandono sen parangón no noso entorno, a pesar da elevada presión fiscal implantada polo actual goberno municipal a base de subir taxas e impostos.

O máis grave de todo é que estes problemas son recurrentes ano tras ano. O actual goberno municipal non só vai a despedir esta lexislatura cun balance de xestión practicamente inexistente, senón ademais tendo merecido suspensos clamorosos un verán tras outro na coordinación das tarefas máis básicas de limpeza, desbroce de pistas, salubridade e socorrismo nas praias, etc. Podemos entender que houbese algúns problemas de coordinación en 2011, pois o relevo no goberno municipal acababa de producirse. A situación xa non tiña xustificación posible ó ano seguinte, en 2012, e así o denunciamos no Pleno Ordinario do 20 de xullo dese ano (e publicando unha entrada nesta web catro días despois). O verán pasado (2013), ós fallos habituais tivemos que sumarlle unha deixadez irresponsable na limpeza do alcantarillado, que motivou o atasco do colector xeral e a saída das augas fecais polo aliviadoiro ó río Maguleiro, que desemboca na praia. Este verán parece que nos atopamos ante a “tormenta perfecta”, resultado de moitos meses de descoordinación, abandono e deixadez. Ás veces chegamos a pensar se esta actitude, levada ultimamente á súa máxima expresión, terá que ver co feito de que a Alcaldesa non vaia a presentar a súa candidatura nas vindeiras eleccións municipais, tal como ten declarado en reiteradas ocasións.

É máis que evidente que o goberno municipal non coordina eficazmente, nin dota á institución municipal dos medios humanos e materiais necesarios para prestar uns servizos minimamente aceptables. E non esquezamos que dende o primeiro momento a equipa gobernante decidíu rebaixar a súa carga de traballo para os meses de verán: non se ocupan da organización das festas, suprimiron o Ortegal Rock e abandoaron outras actividades que eran habituais con anteriores gobernos municipais.

A prensa vén de publicar hai uns días a intención do goberno municipal de invertir máis de 200.000 euros nun Museo do Mar. Non imos ser nós quenes nos opoñamos a un proxecto destas características, que pode ser interesante dende o punto de vista educativo e turístico se se xestiona axeitadamente. Sen embargo, vendo o estado que presenta actualmente o noso Concello, queremos dicirlle á Alcaldía que hoxe en Cariño hai necesidades moito máis urxentes. E se pretende gastar máis de 200.000 euros nun Museo do Mar, asegurámoslle que ter o Concello nunhas condicións minimamente aceptables sae bastante máis barato.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.