Festas de San Bartolo 2014 en Cariño

Share Button

 

altAs festas de San Bartolo terán lugar en Cariño entre o sábado 23 e o martes 26 de agosto. A Comisión de Festas vén realizando un intenso traballo que se concreta no programa que resumimos a continuación.

O sábado 23 de agosto arranca con xogos populares na Praza Roxa con Mundo Diversión, a partir das 11 da mañá. Unha hora despois, ás 12, soarán 21 bombas de palenque e a continuación, dende o balcón da Cofradía, dará comezo o pregón a cargo de Francisco Martínez Sánchez, Pacurri, que foi cura párroco en Cariño na segunda metade da década dos 70. A sesión vermú correrá a cargo da orquestra Costa Dorada, a partir das 13:30 na Praza Roxa. Pola tarde chega o turno do deporte, co Trofeo San Bartolo que enfrontará ós equipos xuvenís do Cariño e do Cebarca, no campo de fútbol municipal ás 18 horas. A esa mesma hora arranca tamén a IV Carreira Popular. Tamén pola tarde preséntase o libro El vino de mi lugar, de Francisco Martínez Sánchez, Pacurri, no Auditorio Municipal. Pola noite, actuarán a orquestra Costa Dorada e os grupos locais Alviés e Neno da rúa con DJ Ras-K.

O domingo 24, día principal de San Bartolo, abre a súa programación cun pasarrúas a cargo da Banda de gaitas San Xiao do Trebo. A misa solemne terá lugar ás 12 da mañá, seguida da procesión que contará coa Banda de Música Vila de Cedeira. A continuación haberá unha sesión de baile tradicional coa Agrupación folclórica San Xiao do Trebo e a Danza de Arcos. Pola tarde, ás 17 horas, haberá cucañas, carreira de gamelas e natación. Ás 18 horas, no campo de fútbol municipal, o Trofeo San Bartolo na categoría de afeccionados consistirá nun triangular entre os equipos de Cariño, Cedeira e Ortigueira. A verbena nocturna contará coa orquestra Los Satélites e o grupo JJ y Son.

O luns 25 haberá misa solemne a partir das 12 horas e procesión posterior acompañada da Banda de Gaitas San Xiao do Trebo e a Danza de Arcos. Pola tarde, ás 18 horas, mantense a tradición do carnaval de verán cun desfile de disfraces encabezado pola Percusión Batería do Cariño e un posterior concurso de disfraces, ás 19:30 horas, amenizado por DJ Party e con premios de 300, 200 e 100 euros. A música da verbena noctura correrá esta vez a cargo da orquestra Compostela e de DJ Party a partir das 2 da mañá.

As festas péchanse o martes 26, día da xira, que estará amenizado dende as 10:30 da mañá polo Grupo de Gaitas San Xiao do Trebo. A tradicional xira campestre, na Solana, contará co dúo Maracuyá e incluirá a degustación de conservas locais, sardiñas e churrasco. A verbena nocturna, a partir das 22 horas, estará protagonizada polo trío Alba.

Dende a Agrupación Socialista de Cariño queremos expresar o noso recoñecemento á Comisión de Festas polo traballo realizado, así como ós colectivos, grupos locais e a tódalas persoas que achegan o seu gran de area para que estas festas resulten un éxito. As festas de San Bartolo teñen unha significación especial ó estar situadas a finais de agosto, polo que supoñen para moitas persoas a fin do verán e das vacacións. Agardamos que as desfrutes e que sirvan para comezar o outono coas pilas cargadas.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.