Adiante co Local Social de Sismundi e outras obras

Share Button

Tal como vén de anunciar o Concello de Cariño, a Xunta de Goberno Local acaba de aprobar a adxudicación da obra de rehabilitación do antigo Taller do Ferreiro, en Sismundi, para convertilo no futuro Local Social da parroquia. A edificación, construída no ano 1960 e situada no lugar de Marrocos, acolleu un dos últimos obradoiros de carpintería de ribeira.

Con esta actuación o Concello de Cariño cumpre cunha vella demanda da parroquia, a única do termo municipal que carecía deste tipo de infraestrutura, o que dificultaba en boa medida as reunións e o desenvolvemento de iniciativas locais veciñais. Con esta actuación preténdese poñer en valor o inmoble, herdanza do patrimonio industrial do Concello e de gran presenza histórica na memoria colectiva da parroquia, así como facilitar a cohesión e activismo social da mesma.

A obra resultou adxudicada á empresa Sergonsa por un importe de 132.461,12 euros, cun prazo de execución de 21 semanas, e o financiamento corre a cargo do Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña.

O edificio, de planta baixa e cunha superficie total de 100 metros cadrados, dividirase nun distribuidor, unha caixa de servizos (aseos e almacén) así como un espazo multiusos de 60 metros cadrados modulables mediante paneis, o que permitirá adaptalo ás necesidades do evento a albergar. Ademais dotarase de todo o equipamiento axeitado para cubrir as necesidades dun local destas características (reunións de e coa veciñanza, conferencias, etc). O proxecto de rehabilitación foi redactado polo arquitecto cariñés Bernardo Santiago.

Por outro lado, e en relación coa publicación de novas actuacións, o Boletín Oficial da Provincia recollía en días pasados o comezo dos procesos de licitación de diferentes obras que tomarán forma nas vindeiras semanas. Trátase da urbanización da rúa Castelao, cun presuposto de partida de 50.955,83 euros; da mellora dos parques infantís, orzamentada en 52.315,54 euros; do rebaixe e nova pavimentación da rúa Eduardo Pondal, cunha dotación de 32.460,10 euros; ou da construción dunha área peonil na parroquia da Pedra, entre A Cerca e Figueiroa, cunha partida de 74.027,18 euros. Estas obras están incluídas no Plan de Acción Social da Deputación da Coruña.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.