De novo sobre os presupostos municipais: respostándolle á Alcaldesa

Share Button

Con certo retraso, respostamos aquí ás declaracións da Alcaldesa de Cariño, Purificación Seixido, recollidas no Diario de Ferrol do pasado sábado 11 de febreiro. Nelas, maniféstase sorprendida polo voto do Grupo Municipal Socialista en contra dos presupostos de 2012, argumentando que “xa os orzamentos de 2011 contiñan unha partida de 200.000 euros para abonar o primeiro prazo do pago a Corsán e naquela ocasión votaron a favor dos presupostos”.

A Alcaldesa non debería sorprenderse tanto. Primeiro porque a discrepancia atópase na esencia da política e segundo porque a nosa función, en canto que oposición, consiste en aportar un punto de vista crítico, en defender un proxecto alternativo e en amosar que as cousas poden facerse doutro xeito. Quen está realmente sorprendida –ademais de preocupada e decepcionada- é boa parte da cidadanía cariñesa ó comprobar que a súa xestión transcorre por uns derroteiros ben distintos ós prometidos durante a súa campaña electoral.

O noso voto a favor dos presupostos de 2011 estivo xustificado, e así o fixemos saber na nosa intervención no pleno correspondente, porque consideramos que tiñan máis do goberno saínte que do entrante. Tódalas partidas de ingresos e boa parte das partidas de gastos xa estaban comprometidas polo goberno saínte en xuño de 2011. O único que os presupostos do goberno nacionalista contiñan de novidade eran os recurtes inxustificados en numerosas áreas, co argumento de que non había diñeiro nas arcas municipais.

A diferencia dos presupostos de 2011, os de 2012 van a ser executados na súa integridade polo goberno municipal do BNG. Como xa explicamos, están condicionados de maneira moi drástica pola nefasta negociación da Alcaldesa coa empresa Corsán-Corvián, que obriga ó Concello a pagar elevadas cantidades de diñeiro en catro anualidades, o que vai en detrimento da calidade dos servizos básicos que o Concello debe prestar á cidadanía. Por outra parte, en 2011 aínda non se manifestara en toda a súa crudeza a política de subida indiscriminada de taxas e impostos que practica o actual goberno municipal, e que o noso Grupo tampouco comparte.

En síntese, o noso voto en contra dos presupostos de 2012 susténtase en tres argumentos principais: 1) non estamos implicados na súa execución (a diferencia dos de 2011); 2) non compartimos a negociación con Corsán-Corvián nin, polo tanto, o pago dunha cantidade tan elevada de diñeiro nesta anualidade; e 3) non compartimos que a subida indiscriminada de taxas e impostos –e menos aínda nestes tempos de crise e elevado desemprego- sexa a única vía para incrementar os ingresos do Concello.

Polo demais, o acordo coa empresa Corsán-Corvián pon de manifesto un feito moi significativo. En menos dun ano o Concello de Cariño vai a pagarlle a esta empresa un total de 607.000 euros (máis de 101 millóns das antigas ptas.). Dende a súa chegada ó poder, a Alcaldesa adicouse a desacreditar ata a saciedade a xestión económica do anterior goberno municipal (do que, por certo, tamén formaba parte o seu propio partido). A reflexión que cómpre facer é ben evidente. Se a situación económica que deixamos fose tan mala, ¿sería posible pagar tal cantidade de diñeiro nun prazo tan curto de tempo?

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.